A tribuna

Praza de San Marcial ou fonte dos Coiros

Ático Noguerol: “Fonte San Marcial ou dos Coiros”. Arquivo Histórico Provincial de Ourense.
photo_camera Ático Noguerol: “Fonte San Marcial ou dos Coiros”. Arquivo Histórico Provincial de Ourense.

É a única daquelas fontes de ferro fundidas na fábrica Malingre, do barrio do Couto, que se conserva na cidade

A Praza de San Marcial ou Fonte dos Coiros conforma un dos lugares históricos máis esenciais do casco antigo, arrodeada polas rúas Primaveira, Hernán Cortes, Liberdade e Colón. 

O cronista popular Ático Noguerol Iglesias debuxou a "Fonte San Marcial ou dos Coiros", conservado no Arquivo Histórico Provincial de Ourense co seu repectivo texto histórico. A saber: “Esta es una fuente, puede ser que sea parecida a la de San Marcial conocida por á dos Coiros; en esta plaza hubo una fuente en el centro que tenía pilón y árbol, y una de las fuentes que trajeron de Osera y San Esteban; quisieron colocarla aquí. Ahora el Laboratorio cierra estas fuentes. Esta fuente tenía un extenso pilón que servía de existencia de líquido para incendios”.

Vicente Risco, no libro “Del Ourense Perdurable”, sobre a praza dos Coiros opinaba: “Estamos na praza que se chamaba a Fonte dos Coiros, porque contan que no seu pilón remollaban as peles os curtidores, cando en Ourense florecía esta industria. É posible que olera mal, o cal non impedía que moitos fidalgos, algúns mesmo con título, tiveran por aquí as suas casas blasonadas. Non afectaban logo a delicadeza nin facían remilgos”.

É a única daquelas fontes de ferro fundidas na fábrica Malingre, do barrio do Couto, que se conserva na cidade.

Olga Gallego, no seu estudo “A cidade de Ourense”, infórmanos da fonte dos Coiros: “Foi rematada no ano 1595 polo canteiro fontaneiro Pedro Rodríguez, en 2.200 ducados, e debía acabala ó ano seguinte. A auga traeríase da Fonte Arcada con dous canos perpetuos. No ano 1684 o corrixidor entrante, D. Francisco de Aranda, atopouse con que os tres edificios máis principais estaban moi precisados de reparos. Eran o cárcere real, na que non tiñan seguridade algunha os presos; a Fonte dos Coiros, de dous canos, a principal da cidade, que ainda naquel intre de tantas chuvias non tiña augas por estar destruídos os conductos, e a porta da Vila, que está en terra.

"No ano 1695, o concello manifesta que hai falta de augas para o abasto común, pois só hai a fonte dos Coiros e por estar rotos os seus conductos só dá auga sete meses ó ano e os outros cinco os veciños experimentan moita falta e prexuizo e teñen que proveerse do río Miño e doutras fontes moi distantes. Solicita R. Cédula para facer información e obter licencia para repartir entre os vecinos a cantidade precisa para o arranxo. No ano 1701 repárase de novo”.

Nos séculos XVI e XVII transfórmase o tecido urbano influído polo Cabido catedralicio e a nobreza; na praza de San Marcial a familia Yañez de Nóvoa constrúe a súa casa pacega.

A feira de Ourense dos días 7 de cada mes, dende 1122 no casco antigo, dividiu a venda de produtos propios en diversas prazas e rúas. Na dos Coiros vendíase a louza. 

A Deputación Provincial creou a Escola de Artes e Oficios o 11 de outubro de 1891, sendo o primeiro director Marcelo Macías. O seu emprazamento orixinario, en San Marcial, esquina coa rúa da Liberdade.

A importancia da praza ratificouna Pascual Madoz no seu Diccionario publicado entre 1848 e 1850; nel sinalou que en 1845 Ourense estaba dividido en catro cuarteis: Praza da Constitución, Fonte dos Coiros, Barrio Novo e Ferraría, cun total de 758 casas, 1 praza, 7 praciñas e 39 rúas. Neste cuartel dos Coiros, en 1841, estaban rexistrados 1.034 habitantes.

José Adrio, no libro “Del Orense antiguo”, na crónica de 1850 describe a “un xastre moi locuaz”, D. Casiano Bartolomé de las Heras: “Todos, ou case tódolos ourensáns caducos, recordamos aquel xastre remendón, chamado D. Casiano Bartolomé de las Heras, que viviu nos baixos dunha casoupa da Fonte dos Coiros. Falecido hai 40 anos, aproximadamente, coñecímolo velliño, miúdo, vivaracho, de faciana amoxamada e andares pequenos. Singular narrador de sucesos antigos acaecidos nesta cidade, era así como un depósito ambulante de feitos curiosísimos, alguns emborronados pola acción do tempo. Tan parlero como agradable suxeito, facía sempre rotundas afirmacións; e cando algún se permitía contradicirlle, empregaba invariablemente este dito: 'Caso en Ronda!”

José Adrio informou de moitos feitos expresados por D. Casiano, entre eles o do Pleno Municipal realizado o 16 de marzo de 1850. A erudición do Sr. Bartolomé garantía a veracidade dos feitos relatados “como se presenciara a sesión”: o troco da denominación do tradicional rueiro capitalino, a maioria en galego: “Era concelleiro logo un individuo, cuxo nome escapou da miña memoria, ainda que non así o apodo de 'Retórico' có que se lle coñecía, pola súa condición de ampuloso, fantástico e falangueiro, en canto facía uso da palabra.

"Nado en Mombuey e instruido por un 'dómine' nun vetusto caserón levantado en época feudal entros breñais de Padornelo, amosaba o home certo orgullo infantil ao sentirse fillo de Castela, e non pouco desdén por canto tivera sabores 'galicianos'. E na sesión á que me refiro, levantose para falar o noso 'Retórico', e previo exordio de vulgares perífrases e conceptos somnolientes, propuxo variar a denominación dalgunhas rúas por 'ridícula e contraria ao gusto e adianto da época, e que as cousas e obxectos que a fixeran adoitar, desapareceran coas correntes reformas… e que moitos nomes estaban en galego'. Tal atentado ao noso doce idioma (afirma Adrio), foi acollido se non con entusiasmo, alo menos con benevolencia. A proposición quedou aprobada, e disposto se variase o nome das ruas.”

O propio Adrio no libro “El Liceo-Recreo Orensano”, sobre a praza informa: “No 1º de Maio (de 1872) se abrira ao público nos baixos da casa da Praciña de San Marcial, esquina a Liberdade, o café-teatro chamado Moreno. O local relativamente amplo, ocupado con anterioridade pola Administración de Correos, dispuxérase con todo gusto, colocando no centro un vistoso surtidor, ao final unha gradería numerada, e á metade da altura da parede da dereita unha baranda separada a treitos por barrotes dourados, dáballe aspecto dunha fila de palcos. Allí entretivo a numeroso e abigarrado público a compañía de comedias de Valentín da Caña, cuxo persoal completábase coa súa esposa Pepita Breva e catro fillos deste matrimonio”.

José Somoza, no libro “Ourense”, fala da intención municipal de aprobar e executar o proxecto dun novo mercado municipal en San Marcial, en xullo de 1922. O Concello decidiu situar o mercado nela, para o que precisaba expropiar unhas edificacións nas rúas Padilla, Colón e Liberdade, adicando un orzamento total de 71.070 pesetas. En 1924 volveuse tratar o tema das expropiacións dos inmobles de Padilla, 6 e Colón, 1. En maio de 1926 decidiuse que o mercado no se ubicaría alí e regularizouse a praza tal cal.

Así considero queda plasmado o atrativo da Praza de San Marcial. 

Te puede interesar