RECOÑECEMENTO

O Premio Trasalba recoñece á centenaria Coral De Ruada

A Fundación Otero Pedrayo escolleu á agrupación pola súa "fidelidade absoluta á cultura popular"

A Coral De Ruada recibirá o Premio Trasalba 2018 que entrega a Fundación Otero Pedrayo, logo de que esta institución valorase diferentes propostas e acordarse, por unanimidade, darlla a unha agrupación que ten "méritos dabondo" para recibilo. Este premio, que chega ademais na celebración dos 100 anos desta agrupación musical, valora a súa "fidelidade absoluta á cultura galega e ao folclore".

A Coral De Ruada contribuíu, segundo destacou o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Juan Luis Saco, "á creación dunha identidade musical culta de raíz fondamente popular", e proxecta un "sentimento de orgullo polo propio e unha positiva identificación colectiva".

Para a escolla da Coral da Ruada, a Fundación Otero Pedrayo tivo en conta o "exemplo de esforzo eficaz, xeneroso e desinteresado, mantido ao longo dun século, por centos de homes e mulleres que integraron a mesma, sempre impulsado a música, o canto, o baile desde unha óptica de transversalidade e compromiso". Ademais, Saco destacou a "resistencia" da Coral De Ruada durante 100 anos "ante os continuos cambios políticos".

O premio, que cumpre xa a súa 36ª edición e será entregado a derradeira fin de semana de xuño, recae por segunda vez na historia nun colectivo e non nunha persoa, como é tradicional. A primeira ocasión na que fora premiada un colectivo foi cando recibiu o galardón o grupo Milladoiro. Ademais, o premio vai dirixido por terceira vez ao mundo da música.

O presidente da Coral, Samuel Lago, recibiu a noticia cunha "ilusión enorme", ao ser o Trasalba un premio de "moito prestixio". Ademais, destacou que é unha forma de empezar o centenario "con moita forza". O vicepresidente, Emilio Rodríguez, lembrou ao Xocas, o primeiro premiado, "que tamén foi vicepresidente da Coral coma min e cronista de honra".

Rodríguez lembrou aos "centos de persoas que pasaron pola Coral de forma desinteresada", entre os que estiveron fundadores, directores e coralistas. Deste, lembrouse de Xerardo Gómez Chaparro e José Gallego 'Chuti', "dos máis antigos e que non están na mellor situación".


Abril oteriano


O secretario da Fundación, Afonso Vázquez-Monxardín, e o presidente, Juan Luis Saco, fixeron público o programa de actos que desenvolverán este mes na terceira edición do "Abril Oteriano". Este ano, darase un "impulso novo e o groso farase en Compostela , "onde Otero Pedrayo dixo que pasara os anos máis felices da súa vida". Tamén haberá actos en Trasalba e Ourense. Nesta primera ubicación abrirase e pecharase o ciclo, o martes 10 e sábado 28. Na cidade, o sábado 14 haberá un "Roteiro dos amigos de Otero" no cemiterio de San Francisco. 

Te puede interesar