A provincia de Ourense contará co apoio dos Operadores de Receptivo no impulso turístico

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación OurenseL) con Jesús Ares (Presidente da Asociación de Turoperadores Receptivo de Galicia - ATREGA), Mar Rodríguez (VicePresidenta de ATREGA) acompañados de Emma González Diéguez (Xerenta do INORDE).
photo_camera Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Jesús Ares (Presidente da Asociación de Turoperadores Receptivo de Galicia - ATREGA), Mar Rodríguez (Vicepresidenta de ATREGA) acompañados de Emma González (Xerente do INORDE).

Manuel Baltar e a xerente do Inorde reuníronse no Pazo Provincial co presidente e coa vicepresidenta da Asociación de Turoperadores de Receptivo de Galicia para abordar dita iniciativa  

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a xerente do Inorde, Emma González, reuníronse no Pazo Provincial co presidente e coa vicepresidenta da Asociación de Turoperadores de Receptivo de Galicia (Atrega), Jesús Ares e Mar Rodríguez, respectivamente, co obxectivo de impulsar un marco de cooperación para o desenvolvemento e comercialización de produtos turísticos innovadores da provincia, que ante a inminente chegada da Alta Velocidade se converterá nun destino moi competitivo. 

No encontro, Manuel Baltar explicoulles o labor que está a desempeñar a Deputación de Ourense para lograr que o Pazo Provincial se converta nun hotel balneario, onde xa comezaron os traballos de captación termal protexida como primeiro paso para lograr dito proxecto. Isto convertería a Ourense “na única cidade da Península Ibérica cun centro termal destas características nun entorno urbano”, sinalou o presidente do goberno provincial. Así mesmo, Baltar incidiu no atractivo da estación de montaña de Manzaneda, aberta a partir de agora durante todo ano para reforzar o turismo activo e familiar.  

Para o presidente de Atrega estes dous elementos serían tractores, xa que coinciden coas necesidades do novo perfil de cliente postpandemia que busca destinos tranquilos e experiencias a medida. Asemade, afirmou que Ourense é un destino turístico que aglutina recursos endóxenos coma o enoturismo, o patrimonio e a natureza co factor diferencial do termalismo que facilitará un posicionamento único deste territorio nun dos principais mercados emisores como será Madrid. Precisamente o papel das empresas desta asociación consiste en “deseñar e fabricar os paquetes turísticos que se distribúen a través de axencias tradicionais e online”, explicou Jesús Ares, que abranguen desde empresas especializadas no Camiño de Santiago, ata as que crean o concepto de “Escapadas” para pontes e fins de semana, as que xestionan grupos ou clientes individuais en mercados nacionais e internacionais, excursionismo, e no sector de eventos, congresos e incentivos. 

A través do Inorde, que ten entre os seus fins o impulso turístico da provincia, establecerase “unha liña de cooperación con Atrega para realizar ensamblaxe de produto coa oferta do sector ourensán, así como favorecer a súa introdución nas canles comerciais e a promoción a través de accións profesionais do sector”, explicou a xerente do Inorde. Este labor verase reforzada ademais coa próxima implementación da plataforma integral de contidos e as ferramentas de “bussiness inteligence” enmarcadas no proxecto de Destino Turístico Intelixente. 

Te puede interesar