O PSOE di que o Concello arreglou un muro do alcalde

O grupo socialista de Beade presentou onte un escrito no Concello pedindo explicacións polo traballo en horario laboral de tres operarios municipais nun muro do patio da casa do alcalde Senén Pousa. O portavoz da oposición, Miguel Ángel Carreiro, amosa a sorpresa dos socialistas ante o feito de que 'o rexidor utilice medios públicos en beneficio privado', segundo indicou, polo que esixe de inmediato que explique aos veciños esta situación.
'É inadmisible o uso de medios públicos, neste caso o traballo de tres persoas pagadas polo concello cos impostos de todos os cidadáns, en beneficio dunha persoa, e concretamente do alcalde, que é quen ordena a súa contratación', sinala. Carreiro lembra que 'recentemente foron empregadas sete persoas para diversos traballos e obras, tres das cales están agora traballando na casa do rexidor municipal'. O edil socialista manifesta as súas sospeitas de que a proximidade dos comicios municipais están detrás destas contratacións.

O alcalde de Beade, Senén Pousa, referiuse as acusación no senso de que 'é falso, a miña honradez como alcalde dende 1974 está por encima das súas mentiras', e engadiu que 'eu nunca na vida levei un céntimo do Concello'. O rexidor considera que os socialistas 'están nerviosos porque están cerca as eleccións', asegurando que Beade conta con oito operarios, dos cales catro rematan agora o contrato, pero xa entran outros tantos por oito meses.

Te puede interesar