Ourense

O PSOE pedirá no pleno provincial un fondo especial para autónomos

Ourense

O PSOE pedirá no pleno provincial un fondo especial para autónomos

O PSOE de Ourense pedirá no vindeiro pleno da Deputación, o venres 31 de xullo, a constitución dun fondo extraordinario de axuda aos autónomos e pequenas empresas da provincia, co fin de "mellorar" as subvencións percibidas polas persoas emprendedoras afectadas pola pandemia da covid-19. Os socialistas piden que se dote este  fondo con 16 millóns de euros para “restablecer progresivamente” a actividade económica.

 Dende o grupo provincial socialista lembran que a Deputación aprobou o pasado mes de abril unha modificación de crédito co fin de pagar, entre outras achegas, unha subvención única de 600 euros aos autónomos afectados dos municipios de menos de 20.000 habitantes. No caso das pequenas empresas, o máximo era de 1.000 euros por solicitude, destinándose un total de 3.8 millóns a estas dúas liñas de axudas directas, que para os socialistas resultan insuficientes.

“Se a Deputación de Ourense se define como o concello dos concellos, é preciso que actúe como tal e faga aínda maiores esforzos coas entidades locais”, apuntan os socialistas. Tamén subliñan que a institución provincial “debe traballar para que a súa protección aos habitantes dos municipios de Ourense non sexa menor que a que recibirán os afectados e afectadas da cidade".