PROVINCIA

O PSOE pide á Xunta que xestione Os Gozos

A parlamentaria Noela Blanco demanda que se axilice a apertura deste centro de día do Pereiro de Aguiar

A portavoz de Política Social do PSdeG-PSOE, Noela Blanco, presentou onte unha iniciativa para reclamarlle á Xunta que asuma a xestión do centro de día de Os Gozos, no concello de Pereiro de Aguiar, e "axilice" a súa posta en marcha. 

A parlamentaria socialista salientou onte que "a neglixencia amosada pola Xunta e o Concello provocou que o centro tan só estivera aberto tres meses desde que fora comprometido en 2003".

Noela Blanco lamentou que "pasados catorce anos dende que aqueles dous gobernos do PP iniciaran as xestións para levantar unha residencia que prestase servizo aos maiores e dependentes deste Concello, o centro segue pechado". 

"CÚMULO DE DESPROPÓSITOS"

Segundo a iniciativa socialista, o procedemento de construción do centro fou un "cúmulo de despropósitos" por parte de ambas as dúas administracións. O Concello e a Xunta asinaron o convenio para a construción da devandita instalación no ano 2003. O proceso de construción do inmoble rematou en 2008, pero, segundo os socialistas, o goberno local "negouse nun primeiro momento a recepcionar o inmoble alegando que o saneamento era incorrecto".

Posteriormente, segundo sinalan os socialistas, o xulgado estableceu, en 2012, que o edificio fora construído "sobre solo que non era propio, devolvéndolle a titularidade das terras aos veciños e veciñas". 

O centro de Os Gozos foi finalmente aberto no ano 2013, pero baixo xestión pribada, "e durante un breve lapso de 3 meses", segundo Blanco, co que hoxe, logo de 14 anos, "segue pechado".

Te puede interesar