O PSOE reclama o aparcadoiro da Alameda gratuíto

O PSOE de Ribadavia afirma que o goberno municipal do PP fai "falsas promesas" e critica ao alcalde, César Fernández, por "incumprir" o acordado coa asociación de comerciantes da vila nunha reunión mantida fai meses e na que os socialistas o instaron a que o aparcadoiro da Alameda fose de carácter gratuíto durante un tempo indefinido. 

Desde o grupo socialista sinalan que "meses despois esta medida non se levou a cabo", asegurando que "nós chegamos a un acordo co alcalde e co Partido Popular e meses despois unha das medidas que lle propuxemos e que aceptou, como é que o aparcadoiro da Alameda fose de carácter gratuíto, segue sen cumprirse", explica o portavoz socialista Ignacio Gómez. 

Os socialistas critican ao alcalde por non cumprir co seu compromiso e o rexidor afirma que está en estudo

Segundo engaden, trátase dunha medida coa que os socialistas trataban de "reactivar e incentivar" o comercio local, co obxectivo de "competir en igualdade de condicións" con outras vilas, que xa levaron a cabo medidas similares. O PSOE reclama que sexa un servizo gratuíto "aínda que só sexa en horario comercial", e que o alcalde "deixe de enganar con falsas promesas".

César Fernández declara que foi unha proposta dos socialistas que se comprometeu a estudar. "Estamos estudando a súa viabilidade", manifestou o rexidor municipal.

Te puede interesar