agro

Publicadas as axudas para a contratación de seguros agrarios por parte da Xunta

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentariasdestacou como obxectivo o de incrementar as pólizas no sector vitivinícola

A directora de Gandaría, Agricultura eIndustrias Agroalimentarias, Belén do Campo, anunciou hoxe na comisión sétima do Parlamento a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios de 2017. A responsable dependente da Consellería do Medio Rural explicou que este ano o obxectivo é incrementar as pólizas no sector vitivinícola.

“Mantemos o noso compromiso non só verbal, senón orzamentario”, declarou Belén do Campo, facendo referencia aos preto de 4,7 millóns que este ano se reservan para este fin. Con esta achega subvenciónase nun 22% a prima comercial base nas producións agrícolas, incluídas o viñedo, e nun 16% as gandeiras. “O que supoñen incrementos dun 11%”, destacou Do Campo.

Os seguros tamén cobren os gastos derivados da retirada e destrución dos cadáveres en explotacións. Neste sentido, cabe destacar o importante aumento rexistrado na subvención de pólizas para o ámbito cunícola, que é dun 40%. Este incremento negociouse co sector como fórmula para axudalo.

A directora animou así á contratación de seguros como base para que o sector non dependa da meteoroloxía. Neste sentido, lembrou que as pólizas poden contratarse a nivel persoal, pero que tamén as organizacións agrarias e os consellos reguladores poden actuar como tomadores das mesmas.

Respecto aos danos sufridos polas últimas xeadas, advertiu de que moitas informacións das que se están dando son incorrectas. “Os danos difieren moito segundo unhas zonas e outras”, declarou Do Campo, que insistiu en facer un chamamento á prudencia porque se seguimos vendendo que o ano que vén non haberá viño “padeceremos os efectos perversos no mercado, do que se beneficiarán outras denominacións de orixe de fóra de Galicia”.

En todo caso, a directora xeral lembrou que onte mesmo mantívose un encontro coa Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa), Agroseguros e os consellos reguladores das denominacións de orixe, na que se decidiu convocar a Comisión Territorial de Seguros Agrarios, así como crear un grupo de traballo para analizar entre todos os implicados como animar á contratación de pólizas no sector.

Ademais destes traballos que está a desenvolver a Consellería do Medio Rural, Belén do Campo lembrou que onte mesmo o Consello da Xunta aprobou unha liña de apoios da Consellería de Economía, Emprego e Industrias que permitirá mobilizar 10 millóns de euros a través de préstamos para circulante e refinanciamento de pasivo, que completarán os que prevé o ministerio.

Un sector con futuro

Así mesmo durante a súa intervención na comisión sétima, Belén do Campo, fixo balance da evolución do sector vitivinícola en Galicia nos últimos anos. En concreto pasouse de 35 millóns de litros de viño comercializado a preto de 42 en só dez anos. “A evolución no volume de viño comercializado baixo o amparo das DO entre 2011-2016 é favorable, aínda que con diferenzas entre cada unha”, explicou Belén do Campo. Así, O Ribeiro mantívose estable, Valdeorras e Ribeira Sacra creceron lixeiramente e destacan Rías Baixas e Monterrei, estes último case triplicando a súa produción. Especialmente relevante son os datos no que se refire ao comercio exterior, xa que todas as denominacións creceron, claro que, neste caso, Rías Baixas concentra a maioría de exportacións.

En total, en Galicia hai 15.532 viticultores inscritos nas DO, dos que 814 teñen explotacións de máis de dúas hectáreas. “Polo tanto, falamos de pequenos produtores, un signo distintivo do que é o sector vitivinícola en Galicia”, sinalou a responsable de Agricultura. Respecto ás adegas, que tamén se manteñen estables nos últimos anos, están contabilizadas 459 inscritas aos cinco consellos reguladores.

Desenvolvemento do Leader

Tamén interveu na comisión sétima o director de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, que lembrou o orzamento co que conta o Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) en Galicia, 889 millóns de euros só de fondos europeos que logo das achegas da Administración Xeral do Estado e da Xunta chegará aos 1.186 millóns que redundará nos cidadáns a través das diferentes liñas de axuda existentes.

Pérez Dubois centrouse na medida 19, o programa Leader, que no último período 2007- 2013 estivo dotado de 91,7 millóns de euros e permitiu crear mil novos postos de traballo e consolidar outros 3.000 a través dos proxectos que presentaron os Grupos de Desenvolvemento Rural. Actualmente xa está en marcha o Leader 2014-2020. De feito, para o primeiro período de axudas, que rematou en marzo, recibíronse máis de 800 solicitudes, un terzo das que se executaron en todo o período 2009-2015.

Te puede interesar