entrevista

Pura Veiga: "É momento de reivindicar a súa figura, e de que o faga todo Ourense"

Pura Veiga, do Grupo Tovar.
photo_camera Pura Veiga, do Grupo Tovar (MIGUEL ÁNGEL)

Pura Veiga será unha das encargadas de coordinar á homenaxe a Tovar xunto a Marisa Calvo ou Dolores López Alonso, máis o Ateneo. Acompañada de Rosa Casado, do Ateneo, fai unha lembranza.

Por que Antón Tovar para as Letras Galegas?

Antón Tovar, á parte de gran poeta, tiña uns diarios moi orixinais. Gustáballe a filosofía... En España en xeral, os que escriben as súas memorias sempre se deixan ben. Tovar non. Tovar conta todo, é moi crítico consigo mesmo. Conta cousas moi sinceras, ten libros de moito valor, tanto "Diario sin datas" como "Diario íntimo dun vello revoltado". Ás veces son partidos políticos os que fan presión, pero hoxe o Grupo Tovar e o Ateneo pedimos este. É o momento, fan falta apoios e esperamos que este evento sirva de revulsivo para que se sume a sociedade á petición. Non só os seus amigos, todo Ourense debería unirse a esta petición.

Como eran esas tertulias?

Estivemos anos nas tertulias do Pingallo, onde se daban os premios Tovar. Eramos un grupo de amigos que o arrancabamos da casa todos os xoves, logo da súa época de esplendor no Ateneo. Acabamos asentados aí, aínda que estiveramos no Liceo, Studio 34 e Marinto. No verán saiamos á terraza e no inverno quedabamos dentro. Empezamos nos 90 coa tertulia, daba gusto escoitalo a el , a Campio... Eu non os trataba ao principio, invitoume Piñeiro. Foi un privilexio. Escoitar a Tovar ou Campio era un pracer. Foi un home angustiado, sobre todo pola relixión, que era o que máis lía ou os evanxeos. Para poñelos verdes, pero lía moito deses temas. Era ateo e quería que o enterraran sen nada relixioso.

Está esquecida a súa figura?

A última homenaxe en vida foi no Liceo, e xa aí se lamentara que Tovar non saíse en ningunha antoloxía española, e sendo mellor ca moitos... Non asistía a conferencias, nin escribía artigos de prensa... A poesía, ademais, xa é algo minoritario en xeral, será por iso.

Te puede interesar