LITERATURA - OURENSE

Que len os escritores ourensáns?

photo_camera Dous lectores nunha celebración do Día do Libro, na Praza Maior.

Chus Pato, Jaime Noguerol, Alfredo Conde, Alba Vázquez, Rosa Enríquez, Francisco Xosé Fernández Naval e Carlos Kintas falan de literatura e manías para alumear ao lector antes da celebración do Día do Libro

Hai quen di que marcar os libros é pecado. E a quen o fai, espántao precisamente o contrario. Os protagonistas deste relato son da segunda clase de persoas. Milenials ou veteranos das letras, todos conviven coa literatura a diario. Algúns, coma Chus Pato, ata almorzan con ela: "O primeiro que fago é ler poesía". Recomenda a obra completa de Ingeborg Bachmann, traducida por Cecilia Dreymüller. "É a primeira vez que se traduce ao castelán unha das poetas que máis me gustan". 

Que manías teñen os autores da terra? Que len cando non escriben? Mañá celébrase o Día do Libro, un bo momento para atender as suxerencias dos que saben.

"Estamos viviendo un momento muy triste porque tener libros será tener síndrome de Diógenes. Hay que invitar a la gente a que lea", espeta Jaime Noguerol, que lle anota ao lector "Culpables por la literatura", de Germán Labrador. "Cuenta las andanzas literarias de poetas malditos de mi generación", di o escritor ourensán, que prefire sentar nun café e sacar do peto a súa lectura.

Noutra xeración, Alba Vázquez. Coñécena como "La chica del flequillo" nas redes sociais que a levaron a publicar o seu primeiro poemario coa editorial Planeta. Ás noites escapa ao que chama o seu rincón favorito: os libros. E anota un: "El libro 'Llámame por tu nombre' es un disparo al corazón". Do mesmo medio, internet, saíu Carlos Kintas, poeta e cantautor a partes iguais: "Recomendaría 'Toca el piano borracho como un instrumento de percusión hasta que los dedos te empiecen a sangrar un poco', de Bukowski". De manías, conta que se o libro é en papel ten que ser en tapa blanda. O lapis e unhas pegatinas, sempre a man.

Alfredo Conde, que adianta que ten unha novela "que xa está para saír", sen engadir moito máis, está lendo "A vida das abellas", de  Maurice Maeterlinck. "É marabilloso ver o comportamento da colmea, que ven sendo a colonia humana. A proba de que teñan xuízo as abellas é que se equivocan, que é o que nos está pasando a nós", conta.

Rosa Enríquez é das que le catro libros á vez. Traballa na biblioteca do colexio onde é profesora. Xoga con vantaxe. "Estou lendo un sobre María Magdalena moi pequeniño. Reivindica a súa figura. Hai que visibilizar á muller dende calquera ámbito".

Francisco Xosé Fernández Naval, Chisco para os amigos, tira para a terra. Concretamente, para Xinzo. "Como novela recomendaría Os elefantes de Sokurov, de Riveiro Coello, un dos grandes narradores do país". Toca elixir. 

Te puede interesar