Festival de Cine

Sección Oficial e ciclo Inédito: descobre quen é quen no OUFF 2021

photo_camera Rodaxe de Benedetta, de Paul Verhoeven.
A competición de longametraxes do  OUFF mantén o nivel de edicións anteriores, cunha coidada selección de xéneros e nacionalidades

Un total de 10 longametraxes competirán pola Calpurnia á Mellor Película na Sección Oficial do Ourense Film Festival (OUFF), mentres que outras 6 películas proxectaranse por primeira vez na cidade, dentro do ciclo Inédito en Ourense. Entre todas elas, figuran varias galardoadas en certames internacionais e premios de cinema, por exemplo, os Goya, e tamén estreas nacionais. Todas poderán verse nos cinemas do centro comercial Ponte Vella desde o 25 de setembro ata o venres 1 de outubro.

Sección Oficial

A competición de longametraxes do  OUFF mantén o nivel de edicións anteriores, cunha coidada selección de xéneros e nacionalidades que non defraudará aos espectadores. 

  • A primeira en proxectarse será Mi mejor amigo (Okul Tirasi), do director turco Ferit Karahan, que vén de gañar o premio FIPRESCI no festival de Berlín e narra un desgarrador relato sobre a amizade.
  • O sábado tamén poderá verse por primeira vez a película galega Eles transportan a morte, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, que acaba de ser premiada en Venecia e está rodada en Ourense. Entre os seus produtores figura, ademais, Beli Martínez, unha das cineastas homenaxeadas nesta edición do OUFF.
  • Máis cinema español: Mediterráneo, de Marcel Barrena, é un dos tres longametraxes preseleccionados para representar a España nos Óscar e conta as orixes da ONG Open Arms.
  • Benedetta, de Paul Verhoeven, é quizá un dos títulos que máis mediáticos, xa que revolucionou os festivais de Cannes e San Sebastián coa súa mestura de intriga, relixión e erotismo.
  • Pola súa banda, Pleasure, da directora sueca Ninja Thyberg, e galardoada en  Göteborg, utiliza a industria do cinema porno para elaborar unha coidada crítica social.
  • Na Sección Oficial do OUFF tamén hai oco para o thriller: Nido de víboras, do surcoreano Kim Yong-Hoon, foi considerada a mellor película do ano nos premios da crítica de Corea.
  • De Asia oriental tamén chega La ruleta da fortuna y la fantasía, longametraxe do director xaponés Ryûsuke Hamaguchi que presenta unha colección de historias protagonizadas por personaxes femininos. De momento gañou o Oso de Prata na Berlinale.
  • Uzi, cuarto filme do mexicano Pepe Valle, é un drama intenso que se centra na figura dun antigo asasino a soldo.
  • Playground (Un monde), da belga Laura Wander, aborda un caso de acoso escolar desde o punto de vista da irmá da vítima, e foi recoñecida cun premio da crítica en Cannes.
  • Outro drama que seguro encollerá os corazóns será Listen, da cineasta portuguesa Ana Rocha de Sousa, premio á mellor ópera prima no festival de Venecia a pasada edición. 

Inédito en Ourense

Un ano máis, o OUFF ofrece aos espectadores a oportunidade de ver nunha sala de cinema algunhas das películas máis destacadas do último ano e que, con todo, non se proxectaron na cidade.

  • Jinetes de la justicia é unha divertida comedia negra que dirixe o danés Anders Thomas Jensen e conta co coñecido actor Mads Mikkelsen entreo o seu reparto.
  • La vida de los demás, do iraní Mohammad  Rasoulof, gañou o Oso de Ouro na Berlinale coas súas historias sobre a represión en Irán.
  • Quo Vadis, Aida?, coprodución europea dirixida por Jasmila Zbanic, ambiéntase nos días previos á coñecida como matanza de Srebrenica na cidade bosníaca.
  • El olvido que seremos, dirixida por Fernando Trueba e protagonizada por Javier Cámara, é a última gañadora do Goya á Mellor Película Iberoamericana.
  • A británica El inglés que cogió una maleta y se fue al fin del mundo, de  Gillies MacKinnon, conta a historia dun ancián que percorre o Reino Unido en autobús para regresar á súa cidade natal.
  • Por último, Damas de hierro, produción finlandesa de Pamela Tola, narra o peculiar road trip de tres irmás anciás.

Te puede interesar