Recordo a Marcos Valcárcel: "Un historiador tenaz, metódico, inquedo"

Ourense 4/12/20
Homenaje en el liceo a Marcos Valcárcel

Fotos Martiño Pinal
photo_camera Martiño Pinal

"Dez anos sen Marcos Valcárcel". Ese foi o título da homenaxe ao historiador ourensán unha década despois do seu pasamento, aínda que a súa pegada segue, entre outras cousas, nun instituto e nun centro cultural que levan o seu nome. Achegados ao intelectual foron os que protagonizaron o ciclo "Recordando a..." do Liceo, no que un bo amigo de Valcárcel, José Luis Fernández-Carnicero, abriu e pechou o acto con pezas ao piano creadas específicamente para o historiador ourensán. 

"Hai tres persoas que pasan pola miña vida tódolos días. A miña avoa, Carlos Casares e Marcos Valcárcel", dixo emocionado José Luis Troitiña, xerente do Liceo. Lembrou a Valcárcel coma un tipo "raro" que chegou ao instituto da Carballeira no 1986. "Enseguida espertou en min moita curiosidade e certa necesidade literaria. Cando sentabas con el, transmitía unha luz de estar falando cun intelectual doutra dimensión. Era sinxelo, sen arrogancias. Cabréome con el por marchar tan pronto".

Xosé Pastoriza, director de La Región, reivindicou ao que fora colaborador do xornal. "Un home de poucas palabras, pero de moitas letras. Tiven a mala sorte de tratalo pouco porque nos deixou precipitadamente. A nosa relación director-colaborador foi breve, pero suficiente para identificar a ese Marcos curioso, tenaz, concienzudo, metódico e inquedo por coñecer e entender a historia das persoas e das cousas, ben organizadiña, e contala". Pastoriza propuxo a reedición e a ampliación dun libro de 1987 no que Valcárcel recolle ata 188 xornais publicados na provincia. "Como bo historiador, sabía que as páxinas que se publican hoxe nun xornal, son mañá historia".

O historiador Afonso Vázquez-Monxardín definiu a un Marcos Valcárcel "tranquilo, serio e constante" e puxo en valor o seu "activismo cultural". "Era un gran difusor, non entendía o coñecemento como algo de élites. Era unha persoa que facía que os demais se entusiasmasen cos seus traballos", engadiu Monxardín. 

Te puede interesar