En Ourense

Regresan as actividades de verán á Aula da Natureza

A Concellería de Educación reinicia hoxe a programación de actividades de verán para escolares que desenvolve en centros educativos e na Aula da Natureza do río Miño, en Oira, coa incorporación de novos grupos de escolares que se apuntaron para a quincena que comeza. 

As inscricións, cun prezo de 10 euros, se realizan na Aula da Natureza, no paseo de Oira. Poden participar escolares de Primaria, e as actividades realízanse de luns a venres, de 8:30 a 13:30 horas, ata o día 9 de setembro.

"O programa de verán ten como finalidade ofertar á cativada a posibilidade de participar en propostas de lecer e formativas nas que desfrutar durante as vacacións de verán", subliñan desde a Concellería. Ademais, entre os obxectivos do programa está "achegar ás familias importantes recursos para a conciliación familiar e laboral". 

"No caso da Aula de Oira, as actividades teñen un marcado carácter de achegamento á natureza e sensibilización medioambiental, con diferentes propostas de aprendizaxe e lecer", engade a Concellería.

Valores naturais

A aula da Natureza é un espazo pensado para transmitir os valores naturais e patrimoniais que atesouran as marxes do río.Nas súas dúas plantas pódese ver unha exposición onde, a través de paneis, se explica como xorden as augas termais ou a adaptación dos animais á vida fluvial. Varias maquetas representan un muíño de auga, un muíño de  acea e o río ao seu paso por Ourense. A aula pertence ao departamento municipal de Educación e é común que nela se celebren cursos de educación ambiental.

Te puede interesar