Regresan as rutas turísticas en tren a través da provincia

Castro, directora de Turismo; Rueda, vicepresidente da Xunta; Táboas, presidente de Renfe, e González, xerente do Inorde.
photo_camera Castro, directora de Turismo; Rueda, vicepresidente da Xunta; Táboas, presidente de Renfe, e González, xerente do Inorde.
O Inorde agarda que sirvan para amosar “os recursos máis destacados que integran o noso territorio”

O Inorde, a Xunta e Renfe renovaron a súa alianza de colaboración para poñer en marcha unha nova edición do programa dos “Trens Turísticos” de Galicia 2021. A xerente do Inorde, Emma González, presentou xunto ao vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, a oitava edición desta iniciativa turística.

O programa ofrece un total de once rutas nas que os turistas poderán coñecer lugares de interese do territorio acompañados por un guía especializado. Catro delas discorren pola provincia, amosando aos usuarios “os recursos máis destacados que integran o noso territorio: natureza, patrimonio e enogastronomía”, asegurou Emma González, quen destacou que, ademais, “os itinerarios destas rutas inclúen unha parada nos nosos ‘Museos das Estacións’, o que nos permite achegar a un maior número de turistas ao Museo do Automóbil, do traxe galego, o do ferrocarril e o de Moncho Borrajo”.

As catro rutas que discorren pola provincia, con 90 prazas para cada unha delas, son os roteiros dos viños do Ribeiro-Rías Baixas, a do viño de Monterrei, a dos viños da Ribeira Sacra e de Valdeorras e a do viño da Ribeira Sacra. “Esperamos que esta nova edición teña o mesmo éxito que as súas predecesoras e sirva para dar un novo pulo ao sector turístico”, engadiu a xerente do Inorde.

A ruta dos viños do Ribeiro–Rías Baixas mestura os territorios destas dúas Denominacións de Orixe. Ao longo do traxecto, os participantes poderán degustar un viño na adega Señorío de Rubiós e coñecer o encanto medieval de Ribadavia. Pola tarde, visitarán o Museo do Viño de Galicia, e acabarán a viaxe visitando a estación ferroviaria de Santa Cruz de Arrabaldo, que alberga os museos do traxe tradicional galego e do automóbil. Este roteiro está programado para o 9 de outubro.

Ao longo da ruta do viño de Monterrei visitarase parte desta Denominación de Orixe, degustando algún dos seus viños no seu castelo para revivir alí a Idade Media. Os participantes coñecerán tamén a adega Gargalo e Verín, onde visitarán o seu barrio antigo. Pola tarde, pasearán pola vila de Allariz e polo seu Festival Internacional de Xardíns. Por último, visitarán a estación de ferrocarril de Baños de Molgas. Este itinerario poderase realizar o 14 de agosto.

Ademais, a ruta dos viños da Ribeira Sacra e de Valdeorras será unha viaxe ata a contorna do mosteiro de Santo Estevo que terá lugar o 31 de xullo. 

Por último, a cuarta das actividades é a ruta do viño da Ribeira Sacra, que rematará no Museo do Ferrocarril (Os Peares) tras un percorrido en catamarán, repetíndose en varias datas: 3 de xullo, 28 de agosto, 18 de setembro e 2 de outubro.

Te puede interesar