Toda a cidade festexou os avances que se teñen producido no papel da muller como piar da sociedade. Uns empregaron a música, outros a poesía e outros o teatro, pero todos coincidiron en que queda moito por facer.

Reivindicando en feminino

Ana Barrios recolleu o premio Clara Campoamor de man de Agustín Fernández e Marga Martín. (Foto: MARCOS ATRIO)
Representan preto do 51% da sociedade e, por iso, ninguén quixo deixar de homenaxealas no seu día. Como piar da sociedade que son, foron os diferentes axentes que a compoñen os que pediron a igualdade real entre homes e mulleres empregando diferentes técnicas reivindicativas.
Os versos de Rosalía por boca de militantes populares inauguraron as actividades no Día da Muller Traballadora, como é tradición, xunto á estatua da Leiteira. Alí, o portavoz municipal, Rosendo Fernández, augurou un tempo no que se teña que deixar de celebrar este día, porque iso significará que a igualdade é plena. Poucos minutos despois, membros da CIG aportaban a reivindicación máis pura cunha concentración diante da Confederación de Empresarios, onde avogaron pola loita en prol dun modelo socioeconómico 'novo, xusto e solidario'.

Os socialistas, pola súa banda, escolleron as flores como mostra de compromiso coas mulleres depositando un ramo diante da estatua de Concepción Arenal, un lugar no que o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, lamentou que 'as mulleres cobren un 25% menos cós homes'. A arte estivo presente nos actos do Ateneo a través de música e poesía, mentres a Marcha Mundial das Mulleres representaba a débeda co xénero feminino cunha representación teatral.

Pechou a xornada festiva o Concello coa secretaria xeral de Comisións Obreiras, Ana Barrios, como protagonista. A entrega do premio Clara Campoamor converteuse no acto central do Día da Muller Traballadora celebrando o labor da sindicalista ourensá á fronte das demandas laborais das mulleres. Barrios recibiu plenamente satisfeita o galardón que recoñece o seu traballo. Entidades como Cruz Vermella ou a Asociación de Mulleres Empresarias tamén acolleron actos.

Te puede interesar