Renfe descarta a reposición dos servizos previos á pandemia

O despacho de billetes na estación do carballiño tamén queda definitivamente suprimido

A Subdelegación do Goberno en Ourense contestou a solicitude de información por parte da Plataforma pola Defensa do Transporte Público de O Carballiño e Comarca e en relación á reposición dos servizos ferroviarios previos á pandemia. Sinala que actualmente O Carballiño dispón de dous servizos diarios de tren entre Ourense, Carballiño e Santiago, e matiza que "os datos indican que a oferta de servizos ferroviarios é superior á demanda: na segunda semana de decembro a demanda foi un 66% inferior e o aproveitamento baixou 18 puntos. Se a demanda fora maior agora mesmo, tendo en conta que hai menos servizos, o aproveitamento debería ser superior e non ocorre así". 

Non obstante, engade que "a vontade de Renfe é seguir recuperando frecuencias en función da evolución da mobilidade e a demanda".

Ao mesmo tempo, a Subdelegación do Goberno tamén comunica, en relación ao despacho de billetes na estación, que "desde Renfe estase traballando para poder dispoñer dun servizo de atención presencial temporalmente, para axuda no uso das máquinas. No mes de novembro houbo tres viaxeiros subidos de media diaria (en 2019 había 32)". 

Nese sentido, refírese as opcións para a adquisición dos billetes, mediante a máquina autoventa, páxina web (www.renfe.com) ou aplicación móbil Renfe Ticket, vía telefónica ou de forma presencial na oficina de Correos da localidade, ou a bordo do tren a través dos interventores, que admiten o pago en metálico ou con tarxeta de crédito.

Ante esta información, membros da Plataforma pola Defensa do Transporte Público anuncian que tomarán medidas encamiñadas a conseguir a reposición dos servizos suprimidos por Renfe.

Te puede interesar