Restos romanos na fachada de Santa María Nai

Columnas e capiteis de mármore reaproveitados na fachada.
photo_camera Columnas e capiteis de mármore reaproveitados na fachada.


A igrexa de Santa María Nai é unha referencia urbana. A súa elevada posición, á que accedemos pola impresionante escalinata, sitúaa nun lugar privilexiado sobre a Praza Maior e nun lateral do vello Pazo Epìscopal, hoxe Museo Arqueolóxico. Edificouna o bispo Muñoz de la Cueva no ano 1722, aínda que o seu predecesor, o prelado Siuri, xa ordenara a súa construción en 1717. Foi erixida sobre as ruínas e solar onde en 1084 levantou outro templo o bispo Ederonio, supostamente despois de restituír a sede episcopal auriense.

Sei que coñecen ben a igrexa, polo que lles pido que lembren a fachada principal. Alí locen oito columnas de mármore, agrupadas por pares, cos seus respectivos capiteis. Estes elementos arquitectónicos non son da mesma época cá igrexa se non que, procedentes doutra anterior hoxe inexistente, foron reutilizados. Non poucos investigadores veñen sostendo que eses catro pares de columnas puideran formar parte dunha igrexa de época xermánica, teoricamente e segundo a tradición, edificada a mediados do século VI, nos tempos do rei suevo Carriarico. Ou quizais da que despois reconstruíu o bispo Ederonio no ano 1084, como antes lles dicía. Sempre tiven a sospeita, tal e como escribira hai anos sobre as orixes de Ourense, de que algúns deses mesmos vestixios recuperados no templo, poderían ser bastante máis antigos, e que incluso terían formado parte dun edificio romano importante que, acaso, se localizaba non lonxe do lugar.

Tiñamos exemplos doutros restos marmóreos reaproveitados na igrexa prerrománica de Santa Comba, en Bande, moi próxima do campamento de Aquis Querquennis, instalación militar que, ademais de dirixir a construción da calzada denominada Vía XVIII, representou un importante centro do poder romano na Baixa Limia. Algúns dos capiteis que hoxe garda esta igrexa de Bande, poderían ser de época romana tardía. Tamén o Museo Arqueolóxico de Ourense custodia dous capiteis que se remontarían aos séculos III-IV d. C. Así o propón unha tese de doutoramento -“Capiteles tardorromanos y visigodos en la península ibérica (siglos IV-VIII d. C.)”- do investigador Javier Á. Domingo Magaña. Para el tamén son romanos outros dos que reutiliza Santa María Nai, principalmente do século IV d. C., incluso algún do século anterior. Estes datos alertan sobre a posibilidade de que esteamos diante dun importante entorno arqueolóxico, certificado coas escavacións na praza da Madalena e no edificio do Museo Arqueolóxico, que actúa como bisagra entre as cidades romana e medieval, función reforzada polas referencias á conversión dos suevos ao catolicismo tras do milagre de San Martiño de Tours. Este ultimo dato histórico non está comprobado, aínda que o pai Florez, nun capítulo da súa “España Sacra” titulado “Da Santa Igrexa de Ourense no seu estado antigo e presente” di que “A conversión dos suevos empezou en Ourense”.

Tanto os datos arqueolóxicos das escavacións como as referencias históricas, aínda que febles, continúan a situar o entorno de Santa María Nai nun lugar privilexiado para comprender a evolución urbanística de Ourense no tránsito entre a etapa romana e os primeiros séculos da Idade Media. No noroeste, o medievo inaugúrase coa pioneira creación do reino suevo, socioloxicamente cimentado na sociedade galaicorromana que o precedeu. Os restos reutilizados na fachada de Santa María Nai poden representar aquí os últimos momentos do poder de Roma.

Te puede interesar