ENTREVISTA

"Un dos retos do conservatorio é sumar profesorado e especialidades"

PURIFIII
photo_camera Purificación Iglesias, directora do Conservatorio de Música.

A inquedanza musical que seu pai e seu avó lle ensinaron de nena a Purificación Iglesias acabou ligándoa de por vida ao Conservatorio de Música Profesional de Ourense, onde é directora dende fai catro anos

A inquedanza musical que seu pai e seu avó lle ensinaron de nena a Purificación Iglesias acabou ligándoa de por vida ao Conservatorio de Música Profesional de Ourense, onde é directora dende fai catro anos. 

Perdeuse cultura musical?
Non é que se perda, pero as materias son distintas e estrutúranse doutra forma. Antes podías empezar a estudar música en calquera momento, agora para entrar no Grao Elemental hai que ter entre 8 e 14 anos. Nese sentido creo que se mellorou, hoxe pénsase máis no neno. A madurez dos rapaces hoxe é distinta, antes compaxinabas os teus estudos co Conservatorio, agora é máis difícil.

E de ser directora do Conservatorio, que é o máis difícil?
Preséntanse na mesa situacións difíciles, a veces por alumnado e a veces por profesorado e tes que tentar resolvelas; tómanse decisións mirando o mellor para o centro. Eu teño ese sentimento de que é o meu conservatorio de toda a vida, aínda que cambiara de edificios varias veces. 

Cal desas situacións preocupa máis?
A propia infraestrutura do centro. Hai unha carencia que nos preocupa moitísimo, as altas temperaturas que se acadan no edificio incluso en marzo son insufribles. Nas clases chegamos a acadar os 30 graos de temperatura, o profesor está dando clase durante cinco horas sudando. É infrahumano. Outra cousa para mellorar, por exemplo, é a dotación instrumental do propio centro.

Cantos alumnos hai?
530, repartidos entre Grao Elemental e Grao Profesional.

Nota a baixada de matrículas?
Non. Estamos como fai catro ou cinco anos. Tampouco podemos ofertar moitas máis prazas porque o profesorado está a tope. Estamos pelexando por máis profesorado. Este ano puidemos implantar a especialidade de viola de gamba e o ano pasado a de frauta de bico, co cal xa temos o departamento de instrumentos antigos moito máis completo. Antes so tiñamos órgano e clave. Ourense é o único conservatorio de Galicia que ten a especialidade de órgano. A pelexa é a de sumar profesorado e especialidades.

Que especialidade ten máis demanda?
Piano, guitarra ou violín.

E a que menos ?
Fagot, é unha asignatura pendente. Había especialidades sen demanda que grazas a labor do profesorado hoxe están completas, coma o contrabaixo, a tuba ou a trompa.

Máis retos por cumprir?
Sempre hai que mellorar, tamén na calidade da ensinanza. Os nosos profesores pasaron os filtros para estar aquí pero o que é a propia formación do profesorado, si é boa, redunda no alumando. Temos que seguir traballando na formación do profesorado e medrar en especialidades.

E as principais novidades do curso?
Unha sección bilingue que implantamos este curso en dúas materias: piano e frauta traveseira. Nun mes teremos o cuarto concurso de clarinete, con preto de 50 participantes, que veñen incluso de toda Europa. Paralelamente, haberá un festival para alumnado con necesidades educativas especiais. Son alumnos que teñen moitísimo mérito e me parece que o centro ten que pensar de cara ao futuro en contemplar este tipo de alumnado. Aínda que non somos ensinanzas obrigatorias, creo que é loable e de sensibilidade contemplar este colectivo. 

Te puede interesar