La Región

VIDA | ENTREVISTA

A retranca galega e o alén a través de sete contos de Juanjo Lamelas

"Sete puntos negros sobre fondo vermello" é o último traballo deste mestre. Contos de ánimas atormentadas, de feitizos ou meigallos para sorprender ao lector. 

Juan José Lamelas
Juan José Lamelas
A retranca galega e o alén a través de sete contos de Juanjo Lamelas

Juanjo Lamelas é mestre do ensino público e químico. A súa formación pedagóxica e a súa paixón pola historia da ciencia levárono á literatura, na que descubriu un mundo infinito de posibilidades. "Sete puntos negros sobre fondo vermello" é o título do seu último traballo onde leva aos lectores a mergullarse no mundo do alén e a retranca galega a través de sete contos. 

Como comezou neste mundo da escritura? 
De cativo era un lector moi aplicado. Aí cara aos vinte anos descubrín que escribir era un xeito marabilloso de proxectar a miña imaxinación e pouco a pouco foise transformando nunha necesidade vital. Comecei, xa o dixen, dende o meu interese pola historia da ciencia, escribindo primeiro para min e logo para algúns amigos. Pouco a pouco esta paixón foi gañando espazo e tempo, despregándose na miña vida en múltiples facetas: novela histórica ou alegórica, relatos, poesía, divulgación científica... Un día, alguén me convenceu de que as miñas obras non deberían morrer nun caixón e por iso van saíndo á luz pouco a pouco.

“Sete puntos negros sobre fondo vermello" é o título da súa última obra, que se atopa nela o lector?
Atopará sete contos de ánimas atormentadas, de feitizos, meigallos, apócemas e encantamentos. Sete contos de pesadelos, de maldades que se revolven contra quen as comete. Sete historias cheas de lenda e de retranca galega.

Clara raigame galega sobre a maxia do alén, ven de eí a súa inspiración?
Nos versos que aparecen na primeira páxina do libro pode verse a inspiración que me levou a escribir o libro: "Sete fiestras abertas á outra realidade, / sete relatos escuros, / sete puntos negros / sobre o fondo sanguinolento / dunha xoaniña da boa sorte. / Que sutil paradoxo!"
Así é: a xoaniña da boa fortuna ten as cores do sangue e da morte. Do mesmo xeito un mal sempre pode acubillar un ben ou ao contrario. Nas historias deste libro o mal e o ben mestúranse e confúndense coma moitas veces acontece na vida real.


Que pretende achegar con este libro ao lector?
Coido que queda moi claro na contraportada do libro, cando me dirixo directamente a él: "Tras da túa memoria, baixo da túa cama, nese espello que te observa, dentro do armario quizais, trala porta, no faiado, acubillados no soto… Onde se agochan tremendo, querido lector, os teus medos? "

É doado publicar en galego?
É difícil publicar e tamén que te lean. Neste punto teño que agradecer á Editorial Toxosoutos a súa confianza na miña obra, ao fotógrafo Juan Vila polas preciosas fotos da cuberta, aos amigos que contribuíron a mellorar o texto e a todos os lectores

Como ten sido a súa evolución como escritor dende os seus inicios?
Non me gusta poñer límites á imaxinación. A inspiración xorde sempre da curiosidade. É esa ansia por desentrañar historias, vivencias e sentimentos a que fai que no meu maxín bulan moitas ideas. A miña evolución faise no camiño de materialización das ideas que consigo plasmar no papel e non está limitada por ningún xénero literario.


É complicado atopar tempo para escribir? 
Sempre hai tempo para o que che gusta de verdade. Ben certo é que a inspiración só chega cando ela quere e tente que pillar traballando. Escribir é un oficio solitario, constante e metódico. Eu, todos os días, escribo, leo ou investigo para poder escribir.

Cales son os seus vindeiros pasos?
Teño varios traballos abertos: un libro de divulgación científica en proceso de corrección que se titula “Cuéntame un cuento cuántico”, unha novela medieval de cabaleiros e trobadores baseada nun romance que está moi avanzada e tamén unha historia que transcorrerá na civilización maia na península de Yucatán que está en fase de documentación.