“A revista Nós sempre estivo unida a Ourense"

Un século despois da creación da publicación, o Museo Arqueolóxico propón unha homenaxe a súa relación coa cidade. A cita estará guiada por Afonso Vázquez-Monxardín, secretario da Fundación Otero Pedrayo.
 

A revista Nós comezouse a artellar nun café de Pontevedra en 1920, pero levouse a cabo en Ourense, baixo a dirección do intelectual Vicente Risco. A publicación mantívose durante 15 anos, pero converteuse nunha das manifestacións culturais galegas máis importantes da historia. 

Un século despois daquel primeiro número, o Museo Arqueolóxico propón unha homenaxe á publicación, na que presenta como Peza do Mes de xaneiro a colección completa. O secretario da Fundación Otero Pedrayo, Afonso Vázquez-Monxardín, será o encargado de introducir a revista, así como abordar a súa íntima relación con Ourense e co Arqueolóxico. "O movemento de Nós non remata co peche da revista, os homes de Nós seguiron traballando. Na cidade seguiron vivindo Vicente Risco, Otero Pedrayo e Francisco Cuevillas", apunta Vázquez-Monxardín. 


A conexión ourensá


A cidade estivo vencellada á revista dende o inicio, e os seus ideólogoos participaron e colaboraron cos seus axentes culturais. Os primeiros 15 números de Nós –os mellores, segundo defende Vázquez-Monxardín– foron impresos en La Región, o xornal no que o propio Vicente Risco escribía. Aínda que o lugar de impresión variou, as raíces quedaron en Ourense: "A composición teórica sempre estivo aquí". 

Na publicación houbo espazo para artigos de moi diversa índole (filosofía, etnografía, arte, literatura, lingua...), onde a circunstancia política concreta non era especialmente relevante. "Colaboraron o alcalde socialista de Ferrol naquel momento, Xaime Quintanilla, Eduardo Blanco Amor, os irmáns Fuentes... ", explica o secretario da Fundación Otero Pedrayo. 

Despois da revista, a conexión ourensá seguiu moi viva: "Traballaron co Museo, no boletín da Comisión de Monumentos, e mantiveron a súa relación cos artistiñas. Vicente Risco colaborou con Conde Corbal, Otero Pedrayo con Xaime Quessada... En ningún sitio de Galicia houbo tanta conexión de Nós como aquí". 


Anécdotas


Vázquez-Monxardín tamén aproveitará a cita para aportar diversas anécdotas relacionadas coa revista. "A xente confunde a imprenta Nós coa editorial Nós e coa revista Nós, son cousas distintas. A represión política do franquismo, por exemplo, xa non afectou á revista, non lles parecía importante ese asunto cultural, pero si a imprenta, onde se publicou un panfleto que animaba ao levantamento marxista", comenta. 

ONDE: sala Escolma da Escultura (San Francisco)

CANDO: o día 15, ás 20 horas

Te puede interesar