CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Unha Rexencia conflictiva e un desterro a Tourem, que non retirou ó bispo da diocese

En Tourem conservan aínda hoxe na tradición oral a "Casa do bispo".
photo_camera En Tourem conservan aínda hoxe na tradición oral a "Casa do bispo".

É probable que a inmensa maioría non o saiba, pero Pedro Quevedo pode ser visto en cada sesión plenaria do Congreso dos Deputados, na parede presidencial do hemiciclo, dende que en 1863 Casado del Alisal inmortalizou o xuramento das Cortes de Cádiz de 1810 nun fresco no que o bispo exerce de "Presidente del Consejo Supremo de Regencia del Reino". É dicir, de substituto do monarca.

Para aquela xa contaba 74 anos e aínda lle restaba un dos episodios máis dolorosos da súa vida.

"Por creerlo un deber de patriotismo, a pesar de su avanzada edad y sus achaques" -di Marcelo Macías-, embarca en Vigo con dirección á Isla de León (Cádiz) para presidir o devandito acto das Cortes, se ben, logo abandonaría o cargo -di Jesús de Juana- ó non estar de acordo coa cesión da soberanía real á soberanía popular, que lle custou un arresto domiciliario.

Un arresto que o mantivo once meses alonxado de Ourense e que serviría de preámbulo das súas desavinzas coa liña política da nova era. Crendo, Quevedo, "que las cortes extraordinarias debían ocuparse sólo de arrojar a los francesses del suelo español, dejando las leyes fundamentales para tiempos más tranquilos", o 19 de marzo de 1812 ten lugar a aprobación da Constitución que rexerá o futuro da nación e que Quevedo xurou, pero acompañando tal xuramento dunha serie de matizacións que foron lidas "con sumo desagrado" polas Cortes gaditanas, "por ser el primer obispo que se atrevía a insultar la magestad de la nación", é dicir á soberanía popular.

En consecuencia, o 17 de agosto é declarado "indigno de ser español" e "expelido del territorio de la Monarquía en término de 24 horas".

Co que non contaban na lonxanía os seus censores era que, sendo expulsado do país, ía ser quen de manterse dentro do seu propio territorio, gracias a que a aldea de Tourem (a carón de Calvos de Randín) formaba parte daquela da diocese ourensá e onde aínda hoxe todos recoñecen a "casa do bispo".

Dous anos tivo que esperar para regresar a Ourense e continuar coa vida pastoral, ata que en 1816 foi elevado a cardeal, denantes de falecer o 31 de marzo de 1818.

Te puede interesar