La Región

O roteiro Casares lembra as tres facetas do escritor

O Liceo será o punto de encontro desta iniciativa que hoxe comenza.

O roteiro Casares lembra as tres facetas do escritor

Mañá cúmprense doce anos do pasamento do escritor de Xinzo Carlos Casares, e hoxe os seus amigos e admiradores reuniranse no Liceo para participar na presentación do primeiro roteiro adicado ao escritor , organizado pola Fundación Carlos Casares, o Liceo e a Editorial Galaxia.

Haberá dúas partes. A primeira é a presentación do roteiro no seu conxunto, explicando cómo xurde a idea e cómo é a súa materialización, ademáis dunha primeira visita virtual. A segunda parte será un percorrido polas zonas de Ourense que están vixentes na obra e vida de Casares. É para iso dividímolo en tres partes, cada unha delas correspondente a unha das facetas de Carlos: a súa obra narrativa; os traballos de ensaio, como as biografías de Curros, Risco ou Otero; e os seus artigos xornalísticos, onde a primeira lectura desta vertiente será na súa casa de nacemento e lerase un texto que escribiu no ano 1972 na Región, no que narra unha viaxe a Suecia, explica o promotor desta iniciativa, Afonso Vázquez Monxardín quen engade que "quixemos xuntar estas tres facetas para poder facer un percorrido pola cidade e polo seu traballo. E indudabel a presenza de Ourense en toda a obra de Casares".

Ademais con este roteiro, que terá 18 paradas e en cada unha delas lerase un texto xa seleccionado, tamén se colocarán carteis permanentes nas rúas. "A nosa idea é que, unha vez se coloquen as placas definitivas, traballar tamén con profesores para que estes poidan despois ir cos seus alumnos de xeito independente, como ocurre hoxe en día coa Esmorga", indicou Vázquez Monxardín.

A idea xurdiu hai xa bastantes anos, lembra o promotor da iniciativa: "Cando empezamos coa Esmorga Marcos Valcárcel e máis eu, xa pensamos que tiñamos que facer máis cousas do mesmo estilo, logo non puido ser, e agora iniciamos esta aventura".

O día das Letras Galegas adicado ao escritor limiano tamén e un obxectivo perseguido. "Con este roteiro quizais poidamos contribuir a que se teña en conta a Casares para adicarlle o día que tanto merece".

A cita comeza hoxe, ás 18 horas, no Liceo de Ourense. Dende aí, pola cidade vella.