sanidade

Rubial: "A sanidade ourensá é complexa, pero somos unha referencia"

O novo xerente da área sanitaria, Félix Rubial, no seu despacho do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (ANDRÉS CACHALVITE).
photo_camera O novo xerente da área sanitaria, Félix Rubial, no seu despacho do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (ANDRÉS CACHALVITE).

Félix Rubial chega de Vigo, onde foi xerente da área sanitaria durante a apertura do Cunqueiro e coa crise de Primaria. Chega a Ourense tras intercambiar o posto con Julio García Comesaña, de quen fala marabillas

É o cuarto xerente en dous anos e medio. Recíbenos no seu despacho, logo de someterse a unha intensa sesión de fotos na azotea, desde as que tenta debullar o panorama  dunha cidade e provincia ás que aínda ten que afacerse. "Ourense é unha área complexa, e veño con vocación de duración. Un proxecto dun xerente ten que estar tres ou catro anos para consolidarse. Non é recomendable máis, un acomódase e perde o punch", comenta. Chega de Vigo, onde tilidou coa apertura do Cunqueiro e coa crise de Primaria. Chega tras intercambiar o posto con Julio García Comesaña, de quen fala marabillas: "Fixo un traballo magnífico en moi pouco tempo e nunha situación moi difícil, cun edificio novo e cunha situación convulsa en Primaria". 

Que atopou nos primeiros días?

Dáme a impresión de que ás veces non se é consciente en Ourense da boa calidade e saúde que goza a sanidade cunha Primaria resolutiva, accesible, ben ordenada... E a nivel hospitalario temos as dúas xoias da coroa, Verín e O Barco, que prestan asistencia excepcional ás veces en condicións non idóneas. Existe un orgullo de pertenza que non hai noutras áreas, e unha comuñón entre a cidadanía e os servizos sanitarios que temos que blindar. E hai que destacar a capacidade innovadora. Ese valor hai que seguilo alimentando sen medo a equivocarnos. 

Isto non é o mesmo que Vigo. 

Esta é unha área moi complexa na xestión, pola dispersión, polas características epidemiolóxicas... Temos poboación envellecida, ou lonxeva máis ben. Temos un 31,5% de poboación maior de 65 anos. Hai que poñelo en valor. Esta realidade demográfica será a que teña Galicia en 15 anos e outros países no futuro. Iso ten que colocarnos na dianteira para que outros aprendan de nós.Somos referencia á hora de xestionar a saúde dos maiores, temos que consolidarnos. Complexo? Si. Con atrancos? Por suposto. Pero estamos nunha fase preciosa para definir a estrutura sanitaria da provincia para os próximos 40 anos. Vai ser a herdanza que deixemos, cómpre moito sentidiño, diso os ourensáns teñen dabondo. 

Ratios baixas no rural, pero moita xente maior. Tense en conta?

Evidentemente. O número de pacientes por cupo é un indicador, pero non é o único. A lonxevidade é un elemento, a pluripatoloxía e a cronicidade é outro. Hoxe os pacientes combinan ata cinco patoloxías, que somos quen de manexar. Iso complica o labor dos profesionais da Primaria. 

Perderemos centros de saúde? 

A lei é a lei. Mentres non se cambie, ese risco non existe. Outra cousa é que haxa que optimizar recursos, pero a asistencia nos concellos vaise manter. O que ten pouco sentido é que haxa profesionais no centro de Ourense atendendo a 1.400 pacientes e outros no rural que teñan 300. Iso non é equitativo nin para pacientes nin para profesionais. Atender 300 pacientes non permite que o profesional teña o manexo adecuado de todas as patoloxías. 

En Vigo viviu un último ano complicado coas dimisións de xefes de servizo de Primaria.

E os anteriores tamén...Foi unha etapa intensa e moi satisfactoria tamén. É a realidade que nos toca aos directivos.

Cree que foi cesado por presións?

Creo que a etapa miña en Vigo estaba rematada. Eran catro anos, nunca estivera nun sitio tanto como alí, e levo 25 anos no Sergas. Creo que é un periodo suficiente para desenvolver un proxecto. Agradezo ao conselleiro a oportunidade de abrir unha nova etapa nunha área distinta. e con retos importantes que asumir, e á que veño con ilusión e bagaxe. Teño moito que aportar. 

En xuño houbo folga pola sobrecarga. Hai solución?

Estanse adoptando solucións, como a prórroga de idade de xubilación. Moitos están nun nivel de madurez óptimo aos 65 anos, e son enormemente benvidos. Tense aumentado o número de MIR, pediuse ao ministerio a convocatoria extraordinaria para pediatría e medicina de familia, pero non frutificou, non sei se polo impás que hai a nivel estatal... Ademais, hai que tomar medidas organizativas, como se recollen no Plan Galego de Atención Primaria, para que esa sobrecarga que existe e é real poida ser manexada. O 90% da atención sanitaria de Ourense faise na Primaria, 3,5 millóns de consultas para 300.000 habitantes! No hospital acaba o 15%. Iso ten un secreto: a capacidade dos profesionais e o bo nivel organizativo. E estamos incorporando enfermeiros especialistas en Primaria,  un perfil acaído para o paciente lonxevo. Moitas patoloxías están a ser controladas polo persoal de enfermería.

Haberá máis diálogo co persoal?

Non é concebible xestionar 480 millóns e 5.400 persoas sen diálogo moi fluído e a varios niveis. Hai que crear equipos de traballo para temas concretos e permitir que os profesionais comprometidos, a gran maioría, teñan a aposibilidade de traballar na organización. A xente viste camiseta, en Vigo era celeste, aquí será vermellona. 

Haberá fichaxes?

Creo na estabilización do persoal, e quero que os que queiran estar con nós estean nas mellores condicións posibles mentres non acceden a posto fixo. E creo na xerarquización, por iso tamén quero convocar xa as prazas vacantes de xefatruas de servizo e mandos intermedios, e que  así se asegure o relevo xeracional. 

Como retemos os residentes?

Galicia, logo de Euskadi, é a segunda que adoptou un contrato distinto para profesionais de Primaria, que xa se estende a Enfermería. Este contrato de continuidade é unha ferramenta valiosa.  E pregunto:  un contrato dun ano prorrogable a tres cunhas retribucións de máis de 60.000 euros anuais é un mal contrato para un profesional que empeza? Hai que vencer as desconfianzas, e este modelo acabarse copiando. Problema? En medicina de familia hai paro cero , e cada un busca o destino en función de criterios non só laborais, senón taménpersoais. Aí non podemos influír. 

Algo que lle chirríe no CHUO?

Os accesos. Creo que é un dos retos que hai que poñer na mesa. Afecta a varias administracións e será a miña responsabilidade tratar de darlle solución. É o hospital de referencia dunha provincia onde dous terzos da poboación vive fóra da capital. Unha situación derivada do plan de urbanismo. Cómpre un acceso en mellores condicións desde a N-525.

Pasan os meses... Imos saber algo da hemodinámica 24 horas?

Seguro que se vai saber nos vindeiros meses. Hai un acordo establecido despois de ter comezado a hemodinámica ata as 22 horas. En sanidade hai que medir os resultados e, en función diso, tomar decisións. Non ao revés. Non é unha cuestión económica, é cuestión de eficiencia. Se os resultados demostran que é necesario e mellora a saúde dos ourensáns o Sergas farao. 

Como cidadán penso: por que non vai ser mellor 24 horas?

Manexamos recursos públicos. Se investimos en algo que terá rendibilidade en saúde menor ca outra cousa estariamos facendo unha xestión inadecuada. Hai que medir e saber que pasa. Unha vida non ten prezo, pero temos recursos limitados e hai que facer un uso óptimo. 

E Cirurxía Pediátrica? Haberá nenos que sigan indo a VIgo?

Agora hai un profesional. A cidadanía quere o mellor para a saúde dos seus achegados, dalle un pouco igual onde se lle practique sempre que sexa con garantía. Hai moitos cousas en Cirurxía pediátrica que se poden e deben facer en Ourense. E outras que deben facer profesionais con experiencia suficiente. As de menor prevalencia, de forma irremediable, derivaranse, Ningún profesional de Ourense vai facer nada para o que non se sinta capacitado. Aquí non se fan trasplantes, tampouco en Vigo, e ninguén propugna que nos poñamos a facelos cando hai experiencia acumulada na Coruña. E ollo, non hai discriminación por código postal. Ten o mesmo dereito un paciente dos Cantóns ca un do Bolo. A accesibilidade é equitativa; a proximidade, non. 

Falando de discriminación, perdeu autonomía Valdeorras? Afortunadamente está integrada na EOXI de Ourense. Do contrario, non sería factible ter atención oncolóxica no Barco, como tamén hai en Verín. E non é ter un oncólogo, é ter un experto en mama, outro de pulmón, outro de dixestivo...Iso sería inviable facelo nun centro que atende a 30.000 persoas. Agora hai profesionais que van a Valdeorras desde Ourense en Oncoloxía, Dixestivo, Rehabilitación...Cada vez atendemos a máis pacientes en Valdeorras que antes tiñan que vir a Ourense.  

Alfredo García di que cada vez van máis a Ourense. 

Os datos non avalan iso. Un dito mil veces repetido non se converte en realidade porque unha persoa o pense. Os hospitais comarcais son a xoia da coroa, hai que ser moi coidadosos, certo. Teñen unha comuñón especial cos cidadáns. As manifestacións na rúa teñen enorme valor, outra cousa é a intencionalidade de quen as convoca. Hai que apostar por estes hospitais, mellorar as condicións dos traballadores e mellorar a carteira de servizos. Por exemplo, coa hospitalización a domicilio, que vai ser unha aposta decidida nestes dous distritos. E estamos anunciando un millón s de investimentos... 

Non teñen sanidade de segunda? 

A asistencia sanitaria é distinta, pero ten as mesmas diferenzas que no resto de sitios, e non só a peor. O  trato personalizado dos profesionais fai que esa compoñente humana estea máis presente. Ese é un dos retos, a humanización da asistencia sanitaria, é un dos aspectos que a cidadanía máis valora. A empatía e calidez hai que traballalas. 

Cal será o modelo de apertura de camas? 

Modelo flexible. As camas teñen que estar dispoñibles cando sexan necesarias. Non podemos permitirnos o luxo de ter camas ociosas sen pacientes que as precisen. Queremos un uso responsable dos recursos públicos. E iso sábese, a tendencia é clara: aposta decidida por hospitais de día, hospitalización a domicilio, e o 56% das cirurxías xa se fan na provincia sen necesidade de cama. Iso hai 10 anos era impensable! 

 


Moitos retos aínda na recámara, co outono como referencia


Con Félix Rubial á fronte, a área sanitaria afronta varios retos inminentes aos que darlles solución. Un deles é a construción do novo edificio entre o Cristal e o Materno Infantil, coa redacción do proxecto en concurso, dentro desta primeira fase do Plan Director, e tamén a reforma integral do propio Materno "Vaise planificar agora o proxecto básico, de maneira participativa, recollendo a opinión de todos os profesionais. Garanto que se terán en conta aos profesionais", explica Rubial. 

Será o novo paso logo da posta en marcha hai case dous anos do novo edificio de hospitalización, que, segundo o xerente, xera "satisfacción" en profesionais e pacientes. "É un edificio moderno, funcional, luminoso e confortable". 

"Certo escepticismo"

Ante este novo edificio que se pretende crear, Rubial recoñece que se percibe "certo escepticismo" entre os profesionais, pero está convencido que cando se vexa nos planos "o escepticismo desaparecerá". 

Pero o CHUO ten outros retos inminentes tamén a nivel estrutural. O hospital de día oncolóxico –"temos que ter as mellores condicións posibles ante unha patoloxía tan prevalente como o  cancro"– estará á disposición da cidadanía en outono, segundo manexa a nova xerencia; a nova cociña será outra das novidades inminentes –"quedeu perplexo cando a vin"–, unha moderna instalación para dar de comer a mil pacientes diarios e que suporá "un salto de século, pasando dunha cociña en moi mal estado , a unha moi automatizada e coas garantías alimentarias blindadas", afirma. 

Pero se hai unha actuación básica que todos agardan é o novo parking, atascado na Xustiza. Para cando estará? "Estamos na fase final e, con todas as cautelas, confío en que en outono estará aberto". 

Tamén está en fase de selección a apertura da planta experimental e de innovación. Está na fase de selección de persoal nun proceso interno. "Vai ser unha unidade enormemente observada e ten que permitir que o perfil deses profesionais teña tamén compoñemente innovadora". 

Te puede interesar