Entrevista

Saibene: "Ourense sempre foi un plató privilexiado desde os comezos do cine galego"

Simone Saibene (ÓSCAR PINAL).
photo_camera Simone Saibene (ÓSCAR PINAL).
A Academia Galega do Audiovisual entregou este sábado o premio o programa de Telemiño dirixido por Simone Saibene

Máis de oitenta programas sobre cine, feitos desde Ourense, recibiron este sábado o recoñecemento da Academia Galega de Audiovisual. Os Premios Mestre Mateo 2021 recoñecen a "Cinephilia", de Telemiño e a produtora Noveolas, como mellor programa de televisión. A cita co audiovisual que presenta semanalmente o cineasta Simone Saibene–italiano namorado de Ourense desde hai unha década–impúxose a tres programas da TVG ("Cos pés na terra", "Os Castros" e "Segredos, desmontando Galicia"), nunha gala celebrada no Teatro Colón de A Coruña. "Cinephilia", en emisión desde 2019, vai preto dos 100 programas, cunha temporada marcada pola pandemia que non freou nin sequera durante o confinamento. Os académicos premian así ao equipo de Telemiño que produce e edita o único programa especializado en cine que se emite en Galicia.

Como senta o recoñecemento?

É moi complicado porque competimos con producións grandes con moito máis presuposto que o noso. Dende unha emisora local, e dende Ourense, é marabilloso. É un recoñecemento a un programa de cine, que na TVG tamén o tratan, pero enteiramente adicado ao cine semanal, Cinephilia é único.

Que importancia ten falar e impulsar o cine de aquí e de fóra desde unha televisión local?

O cine interesa en xeral, hai moito interese polo cine. Tento promocionar moito o audiovisual galego, sempre con ollo ao que se está facendo en Ourense. A emisora é local e hai que dar prioridade a tódolos proxectos que se fan aquí, pero tamén ao audiovisual galego. E tamén as actividades do Cineclube Padre Feijóo, sempre pendentes do que organizan. O OUFF ou os festivais na provincia como en Valdeorras ou Verín son importantes.

Chegou o confinamento, pero o programa non parou.

Fixemos especiais, por exemplo, dos espazos pechados retratados no cine. Moitas veces o cine permite entender máis ben a realidade que te rodea, é un medio para comprender o que nos pasa. No caso da covid, a reportaxe das pandemias retratadas no cine ou dos espazos pechados, é importante.Cinephilia converteuse nun contedor moi especial porque daba voz e espazo ás actividades que se estaban desenvolvendo en Galicia. Ata fixemos conexión con Arxentina!

Axuda que Ourense sexa un plató de cine? Cada vez hai máis producións gravadas aquí.

Si. Dende que existe o programa en 2019, tentamos darlle un espazo a todas esas películas. Desde os proxectos máis pequenos que nacen no CIFP A Farixa ata grandes producións como "Cuñados", ao que adicamos un especial. Ourense sempre foi un plató privilexiado de cine, desde os comezos do cine galego.

Menciona o CIFP A Farixa, cun ciclo de Audiovisuais. Ourense é un exemplo de respirar cine desde etapas tan primarias coma a formación ata chegar a facer superproducións?

Si. O que se necesitaría máis é unha continuidade. Que non se pare. Penso na época de Eloy Lozano, nos 70, todos eses directores que fixeron os primeiros traballos aquí pero logo tiveron que mudarse a outra cidade con máis oportunidades. Agora, Ourense está converténdose nun plató e tamén doutras producións de fóra que veñen aquí facer películas. Iso dá traballo, xera oportunidades e dá a coñecer unha Galicia diferente.

Recorda o primeiro programa?

Si. Era finais de setembro do 2019. Fixen entrevista ao actor francés José García, con orixes en Carballiño. Esa semana estreabase a última de Tarantino, "Érase una vez en Hollywood" e fixemos un especial diso. Levamos máis de 80 programas. Unha parte importante de "Cinehpilia" tamén é didáctica, dando a coñecer as profesións do cinema, unha arte colectiva na que non só hai directores.

Como é unha xornada semanal?

Hai que estar pendente de todo o que está pasando na industria. O Cineclube Padre Feijóo ofreceunos un plató e sempre podemos ir alí a gravar, despois de entrevistas no Hotel Barceló. Hai que agradecer a todo o equipo de Telemiño que traballa comigo, porque son excepcionais e facilitan o traballo.

Tendo en conta o declive cultural que sofre Ourense, ten importancia “Cipnehilia" como reivindicación da Atenas galega?

A posibilidade de ter un programa que dá voz a todo o que se está facendo a nivel cultural a través do cine é estupenda. O recoñecemento da Academia Galega do Audiovisual tamén é un recoñecemento a iso. A xente aprecia o programa, é unha forma de resistencia.

Resistencia da cultura ourensá.

Claro, pola situación que hai. Eu só fago o meu traballo. Sigo aquí desde hai moitos anos facendo cine, a miña produtora segue aquí.

Iso é outra reivindicación, quedar en Ourense...

A maior reivindicación que se pode facer é facer cine traballando, desde Ourense. A mellor política que podo facer é promocionar cinema.

Por que un italiano sen conexión algunha con Ourense acaba facendo cine aquí?

Cando fixen a primeira viaxe entre Galicia e Portugal decidín documentarme máis sobre a cultura galega. Despois fixen outra viaxe, unha semana en tren desde Milán. A partir de aí, propuxen ao meu director da universidade facer unha tese sobre o cinema galego.

E que dixo?

En Italia traballaba nun cine fórum histórico e de xornalista nunha revista de cine. Mandábanme a descubrir cousas novas por festivais. Decidín deixar todo para vir a facer cine aquí, en 2009. O meu profesor da universidade, que lle parecía unha idea moi tola, apoioume moito. Financiou a miña primeira curta en Galicia, "Regreso a San Andrés de Teixido".

Te puede interesar