ENTREVISTA

Salustiano Mato: "Agora mesmo o Campus de Ourense é unha referencia, non se cuestiona"

photo_camera O exreitor, durante a entrevista.

O ex reitor da Universidade de Vigo pensa que co cambio de goberno ábrese un "cambio e un tempo ilusionante para a investigación" con Pedro Duque como ministro de Ciencia, Innovación e Universidade

A Universidade de Vigo pechou este pasado venres un ciclo de oito anos coa despedida do Reitorado de Salustiano Mato. Nunha etapa marcada pola crise, o xa exreitor asegura deixar o seu despacho coa conciencia tranquila e satisfeito, entre outras cousas, polo posicionamento do Campus de Ourense, "consolidado e intocable".

Comecemos polo máis actual, a inauguracion da sé do Campus da Auga. Por que é importante?

Ten varias dimensións. O edificio en si mesmo responde a unhas necesidades reais. Desde que temos Enxeñaría Aeroespacial, necesitaba espazos. A Escola montouse cos existentes pero fan falta outros para laboratorios e docencia, que necesitaban características determinadas, como o de propulsión de motores. Logo, había unha necesidade clara dos grupos de investigación máis punteiros nas temáticas da auga.

No seu mandato falou sempre da especialización dos campus.

Nun momento moi delicado, cando na axenda estaba suprimir universidades e tiñamos en perigo ós campus,facultades, titulacións, cun déficit de 25 millóns, tivemos que facer un traballo forte e serio para ter unhas contas equilibradas desde 2012. Para darlle fortaleza á Universidade, necesitabas non só racionalizar gastos, senón conseguir ingresos e isto pasaba por espazos de oportunidade, dentro da filosofía da especialización.

Cales foron os pilares?

Ó mesmo tempo que estableces unha cooperación intelixente, proxéctaste máis na mobilidade, captación de talento e proxección social. É acercarse á cidadanía e ser un axente de desenvolvemento rexional. Viuse en Ourense, onde a maioría non sabía o que facían os seus compañeiros, é tremendo as cousas que saíron. Xa ninguén cuestiona os campus.

Costou realizalo?

Ninguén o entendía, había unha teima coa desconcentración, que é moi pouco ambiciosa para un campus e non arregla o problema. Pelexar pola desconcentración, que é lenta e replica cousas, é aspirar a ser unha franquicia e non se trataba diso, senón de definir unha estratexia global da universidade do sur de Galicia na que cada campus marque o futuro de toda a institución. Rompemos os birreinatos, as franquicias e houbo un salto cualitativo. Agora mesmo, o Campus de Ourense é a referencia en Galicia nas temáticas da auga, con potencialidade de crecemento e futuro na propia socioeconomía ourensá, nas vertentes medioambiental, enerxética, turística e termal. Tes títulos que necesita a xente, como Dereito ou ADE, outros singulares e logo un perfil concreto, como o da auga. Es dono do teu futuro.

Unha frase que destacaba Virxilio Rodríguez neste xornal.

É así. Se colles un Campus cun 80% de ocupación e descendendo, cunha pirámide poblacional, co mazo en catro títulos. Mira Lugo, con máis títulos singulares, menos problema demográfico, vai peor e sigue indo mal. Están intentando ir polo Campus Terra, por esa filosofía para remontar. Nós xa remontamos, superamos os hándicaps e temos o 101,5% de ocupación, máis da metade de alumnos son de fóra de Ourense. A Universidade de Vigo é a do sur de Galicia, iso non pasa na de Santiago. Díxoo Feijóo o outro día, Ourense é o exemplo.

En Ourense temos un grave problema demográfico. A Universidade debe ser clave na loita?

Iso é o que estamos facendo. Hai cousas que facemos por compromiso social e non cobramos impostos dos cidadáns. O Campus é utilizado pola cidadanía, é un barrio máis.Non é casualidade que nas enquisas saia a Universidade como a institución máis apreciada.

Quedoulle algunha espiña cravada con Ourense?

Dinme que fun o reitor que menos problemas tiven en atravesar A Cañiza. Estiven en Ourense tres anos dando clase, interioricei moito a problemática de Ourense e do Campus e se hai algunha espiña cravada, quizais é non ter ido máis rápido, os primeiros anos estaba desesperado.

Presumiu moitas veces da boa relación coas institucións. 

En Ourense, a gran vantaxe, como en Pontevedra, é o apoio de todos.

Contento con Virxilio Rodríguez?

Foi un magnífico vicerreitor, sería das persoas ás que lle pediría seguir. 

Queda en boas mans o Campus con Esther de Blas?

Estaba no meu organigrama. É unha rapaza moi boa, pero non ten todavía esa experiencia de xestión. Pero coas súas gañas seguro que o fará moi ben.

                               Aeroespacial. Que supón?

É incrible que teñamos dous títulos novos (en Vigo incorporouse Enxeñaría Biomédica) porque o mapa de títulos estaba conxelado e se falaba de reducir. Co decreto de títulos en 2011, solicitamos un plantexamento cunha visión máis académica e menos economicista, consolidamos os títulos en perigo e, tras falar con escolas e facultades, conseguimos os novos. Aparte das bondades por si mesma de Aeroespacial, aproveitou moitas dos capacidades do Campus, como os profesores de Física.

Pero houbo problemas co profesorado neste curso.

Problema ningún. É moi difícil captar enxeñeiros de alto nivel, é unha profesión moi demandada. Fomos ó estranxeiro e tivemos a mala sorte que cando saíron as prazas, saíulle un posto importante en Inglaterra. O que hai que facer é moverse polo mundo adiante para que cos concursos, vaia adiante. Se te refires ó problema de quen dá a asignatura, houbo un debate normal.

Está satisfeito de como se está a desenvolver o grao?

Démoslle todos os elementos, o que teñen é que darlle agora un pouco máis de velocidade. Preocupábame que a Facultade se creara, elixira o seu equipo directivo e agora xa son donos do seu futuro. Que me tocaba a min? Darlles a infraestrutura e o equipamento para os laboratorios e iso está conseguido. Agora tócalle ós seguintes planificar. Vaise ir vendo a importancia desta titulación co paso do tempo, aquí en Vigo foron testigos do pulo que deu Industriais ou Telecomunicacións. Cantas empresas se crearon aquí? En Ourense, con Informática e Aeroespacial búscase o mesmo. O Campus da Auga xa trouxo máis de 10 millóns de euros.

Ve o futuro con optimismo, entón?

Si, os campus, como o de Ourense, están consolidados, son intocables. O problema para a Xunta é como resolve en Lugo e Ferrol. 

"Din todo pola universidade"

Salustiano Mato volve agora a ser "Tano", catedrático de Zooloxía, tras dúas décadas en postos de responsabilidade, tanto na Universidade coma na Xunta, na que exerceu co bipartito de director xeral de I+D.

Prevé desconectar?

Voume mergullar na vida profesional e académica. Buscarei recuperar os contactos para investigación despois de case 20 anos en cargos de xestión. Era imposible ter unha actividade investigadora extensa.

Tema de actualidade. Que lle parece o novo ministro Pedro Duque e que se una universidades a Ciencia?

Estou contentísimo, é unha enorme sorte que o Goberno central cambiase e un gran acerto as persoas, así como a idea estrutural de combinar universidades, como defendín no goberno galego, é estupendo. Coñecendo á persoa, máis estupendo todavía, a ver o que lle deixan facer, pero vai loitar por apoiar o coñecemento e investigación. Ábrese un tempo ilusionante, con moitas oportunidades que espero que se poidan aproveitar. Estes oito anos o pasamos moi mal e os grandes obstáculos viñan dos ministerios, por parte da crise en gran medida pero tampouco había sensibilidade pola investigación.

Como lle gustaría que lle recordasen?

Confórmome con que se me recorde como alguén que deu toda a súa capacidade, esforzo, enerxía en prol da Universidade, independientemente da sensación coa que se quedasen uns e outros.

Unha das críticas foi a falta de diálogo.

Diálogo o houbo todo, pero non tes o mesmo papel que un político, son un representante institucional. Son autocrítico, é probable que moitas veces chegar a que cada norma fose explicada ó máximo detalle non era suficiente para que a xente estivese conforme. Non era tanto falta de diálogo, senón falta de aceptación de cousas que tiñamos que facer por imperativo legal e que non eran xustas, iso se confunde. Estiven todas as semanas nos tres campus, pateei facultades.

Deixa unha universidade mellor posicionada a nivel internacional?

Todo se pode mellorar, pero marcamos pautas que se poden seguir como a relación con Brasil e América latina en xeral. O principal caladero que temos é o mundo hispano-luso, con intereses comúns en materia académica e de investigación. Para captar alumnado, o enfoque ten que ir a ese mercado de 650 millóns.

Que lle produce máis satisfacción persoal?

O que máis satisfacción me deu foi o traballo en prol das persoas da institución. En plena crise, somos a única institución española que crece no capítulo de persoal, un 15%. Santiago perdeu 300 profesores e nós crecemos nuns 200. A satisfacción é que non se tivera que ir ninguén. Cando nos impoñían non promocionar por imperativo legal, buscamos figuras transitorias para ilos incluíndo. Iso é traballar polas persoas.

Recollerá todos os froitos o novo reitor, entón.

Si, pero eu alégrome, non é unha cuestión de quen o fai. O que máis me alegra é darlle a volta a esa situación compricada. Collín o timón dun barco nunha tormenta tremenda, pero empuxado pola confianza que tiñan en min aqueles que me pediron que me presentara pola miña experiencia previa no mundo fóra da universidade. Non son un académico tipo, pechado aquí só. En plena bonanza, non pensarían en min.

Tívose que morder a lingua moitas veces?

Ti representas a todos, tes que ter unha posición institucional e gañarte o respeto do resto e, se é posible, gañar a confianza. Creo que o conseguín.

Dálle importancia ós rankings?

Empezou como unha cousa máis ou menos seria e se converteu en negocio, crecen como os champiñóns. Hai que estar, pero velos con certo espírito crítico. Estamos bastante ben, aínda sendo unha universidade xoven, nos rankings máis esixentes, temos boa saúde e foi froito do modelo de igualdade de oportunidades no que prima o mérito e capacidades. Esa cultura é xa normal, vese como natural. Non se debería perder isto de vista nesta nova etapa.

Verémolo na política local en Vigo nas próximas eleccións?

As plataformas políticas son as que teñen que ver e propoñer. Como catedrático e experto axudarei a todos aqueles que mo pidan, pero dende o punto de vista ideolóxico só hay un espazo ideolóxico que pode contar conmigo (o BNG). en función do que queiran direi se estou capacitado ou non, pero se son do Celta, non me paso ó Real Madrid, aínda que gañe. 

Te puede interesar