axudas económicas

San Cibrao dará axudas de ata 145 euros aos nenos de Infantil

A contía para libros e material didáctico, por alumno, dependerá da factura presentada e establecéndose en 145 euros, o máximo subvencionable

San Cibrao das Viñas subvencionará con ata 145 euros por neno ás familias que precisen comprar libros e material escolar para o curso que comeza hoxe nas aulas de Educación Infantil. O Concello abriu o prazo de presentación de instancias para a  concesión da axuda.

Poderán ser beneficiarios da devandita prestación os alumnos de Infantil matriculados en centros públicos ou privados en tramos concertados, nivel educativo non incluído no Programa de Gratuidade da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. A contía para libros e material didáctico, por alumno, dependerá da factura presentada e establecéndose en 145 euros, o máximo subvencionable. 

GASTO TOTAL DE 4.000 EUROS

O Concello de San Cibrao gastará no montante destas axudas un total de 4.000 euros, xa reservados nunha partida do Orzamento municipal. O prazo para a petición desta axuda rematará o 29 de setembro, e poderán optar á mesma só aqueles alumnos que teñan un pai, nai ou titor censado no municipio –cunha antigüidade de alomenos un ano–. 

Te puede interesar