Igrexas e capelas ourensás

San Pío X, Mariñamansa

Na década dos anos 60 produciuse un importante crecemento urbanístico da zona que acelerou a expansión do barrio cun importante aumento da súa poboación o que demandou a construción dunha nova igrexa parroquial desligada da anterior, Santísima Trinidade, que quedaría baixo a advocación do papa santo Pío X

A barriada de Mariñamansa, actualmente integrada na cidade de Ourense, ocupaba antigamente o límite sur do que sería a futura urbe das Burgas, que se estendía ata o Xardín do Posío. Debido a esta circunstancia, os habitantes da zona debían pagar un determinado imposto nun “fielato”, pequena caseta municipal situada nas entradas da capital para poder acceder á cidade e poder vender na praza de abastos ou nos mercados públicos situados nas prazas os produtos que cultivaba nas súas leiras, estando a economía do barrio baseada, de xeito preferente, no cultivo do agro máis a gandeiría. Na década dos anos sesenta, grazas á economía aportada polos emigrantes, produciuse un importante crecemento urbanístico da zona que acelerou, de xeito notable, a expansión do barrio cun importante aumento da súa poboación o que demandou a construción dunha nova igrexa parroquial desligada da anterior, Santísima Trinidade, que quedaría baixo a advocación do papa santo Pío X.

A nova igrexa inaugurouse no decurso do ano 1964, mercé ás aportacións de particulares ao que se sumou a permuta dos terreos dun solar antigamente ocupado pola praza de touros de Ourense e máis tarde por un cativo hospital dedicado á atención dos enfermos de tuberculose que dependía da ex abadía da Trinidade, posteriormente trasladado a Piñor; por outra banda, o bispo Ángel Temiño cedeu ao Concello o vello e histórico edificio coñecido como Cárcere da Coroa, situado trala Casa do Concello de Ourense, a cambio do solar para a edificación da nova igrexa.

O templo, deseñado polo arquitecto Manuel Conde Fidalgo, o mesmo autor do votivo de Fátima así como o encoro de auga de Castadón, atópase orientado ao nacente, sendo construído seguindo os postulados emanados do Concilio Vaticano II. Accédese ao mesmo a traveso dun pequeno adro, destinado como lugar de acollida e encontro dos fieis. O recinto relixioso, construído en pedra provinte das canteiras ourensás, presenta un corrido pórtico ou nártex, a modo de torna chuvias, sostido por seis piares de columnas en rosa pulido con base cadrada, rematados por curiosos capiteis rectangulares que conteñen interesantes relevos gravados en granito nos que se relata inxenuamente a vida do santo papa, obra do coñecido escultor ourensán Antonio Faílde Gago. A fachada principal ten forma cuadrangular, coa parte central lucida e decorada cun rosetón rodeado por pequenas cruces de pedra, destacando a ambos lados sendos relevos de san Pío X como pontífice, o primeiro, e o segundo, impartindo a sagrada Eucaristía a un grupo de fieis. Nos muros laterais atópanse presentes varias vidreiras polícromas de grande tamaño, sobresaíndo na parte esquerda da cabeceira o alto e estreito campanario, composto por tres alturas. Cóbrese a igrexa cun tellado a dúas augas.

O interior do templo, dunha nave única con sancristía e varias capelas adosadas, o preside o altar maior, que conta cunha imaxe en madeira dun Cristo crucificado acompañado a ambos lados por sendas imaxes da Nai de Deus e san Xoán, a primeira obra do escultor Acisclo Manzano e de Manuel Buciños a segunda, namentres a talla do crucificado é obra conxunta de ambos artistas sendo as únicas imaxes piadosas existentes na austera capela maior, acorde cos postulados nacidos do citado Concilio Vaticano II.

Á dereita, próxima ao altar maior, atópase unha imaxe en escaiola do titular da parroquia, agasallo das monxas do Santo Anxo ao párroco Antonio Vázquez, con ocasión da inauguración do templo, namentres que fronte a esta e a ambos extremos figuran unha talla en madeira de San Vicente de Paúl, o San Juan Bosco ademais dunha imaxe da Virxe do Rosario datada, a primeira, nos finais do século XVIII. A ambos lados da porta de acceso baixo a tribuna existen dous pequenos espazos protexidos por sendas reixas nos que se sitúan unha imaxe do Cristo da Dor e outra talla do Sagrado Corazón.

Un dos elementos máis destacados da parroquia a nivel relixioso o constitúe a cofradía do Santo Cristo, fundada no ano 1992, considerada como a máis antiga da cidade. Conserva un paso da réplica en menor tamaño do Santo Cristo de Ourense, interesante obra dos irmáns Núñez realizada entre os anos 1956 e 1958.

Te puede interesar