O saneamento “por fin” chega a seis núcleos de Taboadela

Alumbrado público en San Xurxo da Touza (Taboadela) (ÓSCAR PINAL).
photo_camera Alumbrado público en San Xurxo da Touza (Taboadela) (ÓSCAR PINAL).
A Hidrográfica Miño-Sil financiará as obras, que se adxudicaron por máis de 430.000 euros

Seis pequenos núcleos do concello de Taboadela verán por fin emendada unha demanda histórica: entrar na rede de saneamento municipal. Concretamente, serán os núcleos de Espiñeiro, Xociños, Veredo, Alto de Taboadela, Vendanova e Palacio. Estas obras estarán financiadas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que vén de adxudicalas recentemente por máis de 430.000 euros á empresa Desmalco, tras ser escollida entre as 15 ofertas presentadas. Estes traballos teñen un prazo de execución de seis meses e está previsto que empecen “nas próximas dúas ou tres semanas, se todo vai ben”, explica o alcalde en funcións, Roberto Blanco. Incide en que “nin sequera se trata dunha renovación, xa que, na ampla maioría dos casos, non había ningunha infraestrutura preexistente”.

Blanco, o membro independente do goberno socialista de Taboadela, manifesta que deste xeito “subsánase por fin unha débeda histórica cos veciños destes núcleos”. Ademais, precisa que esta era unha das obras “prioritarias” do Concello. “Puxémonos a traballar nestes saneamentos dende o día un que entramos ao goberno, pero os problemas burocráticos e a lentitude das administracións imposibilitou que o tiveramos ata agora”, explica. Xustifica a necesidade en que “non era lóxico que na misma aldea tres casas tiveran saneamento e outras dúas non”.

Te puede interesar