elecciones

Seara aposta por un proxecto político "real e participativo"

O candidato á Alcaldía de Ourense do BNG, Luís Seara, explica as liñas mestras do programa.
photo_camera O candidato á Alcaldía de Ourense do BNG, Luís Seara, explica as liñas mestras do programa (MARTIÑO PINAL).

O candidato á Alcaldía de Ourense polo BNG garantiu unha segunda exposición pública do PXOM

Despois de dez meses de traballo, o Bloque Nacionalista Galego deu a coñecer as claves de "Agora Ourense", o programa electoral de cara os comicios do 26 de maio. Foi o seu candidato á Alcaldía da capital, Luís Seara, o que explicou nas instalacións de La Molinera as liñas mestras dun documento  político "participativo, real e factible, que nace da escoita activa aos cidadáns".

Seara resumiu nunha serie de obxectivos as propostas que os nacionalistas queren levar a cabo no caso de entrar a gobernar. Unha segunda exposición pública do PXOM, un plan de emprego con especial atención a mocidade, a reactivación dos servizos públicos ou a humanización tanto do centro como das parroquias do rural, forman a súa estratexia a seguir. "Ourense é a cidade mais tamén as súas parroquias. "Afondaremos na humanización das parroquias do rural, dotándoas de servizos básicos de abastecemento e saneamento dos que carecen algunhas das mesmas", sinalou Seara.

Tamén centrou o seu discurso nas actuacións concretas que priorizaría en Ourense. Por exemplo, a aposta por "unha opción diferente de intermodal" para a chegada  do AVE, que teña como obxectivo "integración da Ponte e o Vinteún".

O candidato nacionalista tamén insistiu en que non renuncia a un vello anhelo, "o soterramento na avenida Otero Pedrayo. As dúas rotondas feitas por dous millóns de euros, son o peor latrocinio que viviu esta cidade", sinalou.

Foron os principais puntos dun programa electoral que o BNG levará como discurso ao longo da campaña. Ao carón de Luís  Seara, o número tres na lista dos nacionalistas en Ourense, Xosé Manuel Puga, que apostou por "recuperar a ilusión na cidade e non seguir baixando a autoestima a pesar dos 4 anos perdidos co derradeiro mandato".


"Se depende do BNG, a dereita non vai gobernar"


Coa campaña electoral a poucas horas de comezar, era obrigado falar de posibles escenarios postelectorales. Ante a dificultade de que algún dos 15 partidos obteña maioría, a posibilidade de pactos está enriba da mesa. E Luís Seara non evitou o tema. "O Bloque Nacionalista Galego fala con todo o mundo. Pero o fai sobre proxectos. Hai cousas que necesitan consenso, como é o caso do PXOM. Nós estaremos en aquelo que sexa bo para Ourense, pero para falar máis en concreto de pactos hai que agardar aos resultados do 26M. O que si digo: se de nós depende, a dereita non vai gobernar".  Unha afirmación que o seu compañeiro de candidatura Xosé Manuel Puga completou: "Sabemos ben quenes son os responsables de que Ourense esté como esté".

Te puede interesar