PREMIO

Seixalbo premia a toda unha "loitadora de raza"

Luz Fandiño, emocionada, tras recibir o Freire Carril.
photo_camera Luz Fandiño, emocionada, tras recibir o Freire Carril (MIGUEL ÁNGEL).

Luz Fandiño foi a undécima galardoada co Freire Carril, que se entregou nunha festa dos foros que volveu irmandar os veciños

Seixalbo celebrou este sábado unha nova edición da Festa dos Foros, organizada pola Asociación cultura Agromadas e a mocidade de Seixalbo, en colaboración coa asociación veciñal San Breixo, na que se entregou o XI Premio Freire Carril á poeta santiaguesa Luz Fandiño, unha histórica activista cultural e lingüística de Galicia.

E xa van 13 edicións da festa máis reivindicativa de Seixalbo. Un mal número se non crece, pero que abofé que o fará, vista a entrega da veciñanza nesta representación dos 20 anos de pleito que a vila tomou contra o Cabildo e o bispo de Ourense para eliminar a carga foral de teren que pagar 500 moios de viño anuais ás autoridades eclesiásticas.

Seixalbo volveu demostrar onte ser un pobo unido e comprometido, como o foi naquel 1859 onde acadou por fin a eliminación daqueles foros, e facéndoo 100 anos antes que o resto de Galicia.

Entre todo tipo de actividades, entregouse o premio Freire Carril, creado en homenaxe a Fernando Freire Carril, o"principal impulsor e defensor dos veciños no pleito", como explicou o presidente de Agromadas, Manuel Herminio Iglesias, e que premia aos que loitan polo común e pola cultura. Nesta ocasión foi a veterana a Luz Fandiño, de 87 anos, a que recolleu o galardón, converténdose na segunda muller premiada nestes 11 anos de andadura. Agromadas definiuna como "unha loitadora de raza que quere transmitir a memoria dos nosos maiores". A galardoada lembrou a súa avoa e as súa nai, "as verdadeiras merecedoras deste premio", e definiuse como "máis amante da poesía ca poeta".

Logo da entrega do Premio Freire Carril, en forma de escultura deseñada por Manuel Buciños, no que foi un acto emotivo os veciños e visitantes lanzáronse ás rúas, cantando e bailando nas diferentes bodegas e tabernas da vila, para deleitarse cos caldos de Seixalbo, nunha Festa dos Foros que "prendeu na xente e segue viva", como dixo Iglesias.

Ao longo da xornada, houbo sesión vermú co Trío Motobomba, baile galego, e actuación de Airiños de Caldelas, que foi a agrupación encargada tamén de amenizar o pasarrúas. Houbo xogos, música e postos artesanais na praza do Cabildo durante todo o día.

Para rematar, veciños e visitantes asistiron ao concerto de Guezos, que fixeron mover o corpo con sons da de rock, pop e folk, todo 'made in Ourense'.

Te puede interesar