UNIVERSIDAD

Un seminario internacional de Dereito centrouse na sostibilidade

O programa contou con 13 conferencias e investigadores de dúas universidades brasileiras

Un seminario internacional de Dereito centrouse na sostibilidade

Durante dous días, a Facultade de Dereito do Campus de Ourense acolleu a celebración do I Seminario Internacional sobre Democracia, Cidadanía e Estado de Dereito, nado da cooperación académica entre grupos de investigación da Universidade de Vigo, a Universidade Estadual de Londrina, en Paraná, Brasil, e da Universidade Federal Fluminense, de Río de Janeiro, do mesmo país. “Este seminario xurdiu na procura da integración e da ampliación do diálogo sobre os problemas contemporáneos e a discusión de posibles solucións”, explicaban desde a organización.

A iniciativa, cuxos directores nas tres universidades implicadas son Guillermo Suárez, Clodomiro José Bannwart e Gilvan Luiz Hansen, centrou a súa atención no debate ao redor das cuestións e os desafíos que se presentan ás ciencias humanas e ás ciencias sociais, principalmente ao dereito. Co lema "Dereito e sostibilidade en escenarios de crises institucionais", o seminario, “pretendeu avanzar na procura da sostibilidade e o desenvolvemento con calidade de vida e igualdade nun escenario global marcado polas inestables constantes xurdidas de crises institucionais, que alcanzan nacións, gobernos, mercados e persoas na súa inserción cotiá na sociedade”. O programa, que incluiu 13 conferencias maxistrais, contou cun amplo panel de investigadoras dos dous países para abordar durante os dous días de seminario temas nos que se relacionaron cuestións como o dereito, a xestión ambiental, a sostibilidade, a resolución de conflitos, a comunicación nas crises institucionais, a diversidade, a xustiza, a democracia, as institucións e a cidadanía.

No marco deste seminario, Laura Magalhães de Andrade, actualmente en estadía de investigación na Facultade de Dereito, presentou o seu libro "Derecho a la educación ambiental: una referencia teórica, legislativa y práctica en Brasil".