ENTREVISTA

Sierra: “A demografía e os incendios deberían estar na axenda de tódolos partidos"

MARTIÑO PINAL

Tras case un cuarto de século ao frente do Museo Etnolóxico de Ribadavia, Xosé Carlos Sierra xubilábase a finais de marzo para empezar unha nova etapa.

Tras case un cuarto de século ao frente do Museo Etnolóxico de Ribadavia, Xosé Carlos Sierra xubilábase a finais de marzo para empezar unha nova etapa, "que non é máis que unha especie de acto administrativo xa que o cerebro, mentres o corpo esté en boas condicións, non se xubila nunca", destacou Sierra, que se sinte moi orgulloso de promover a Asociación de Amigos do Museo, "que supuxo unha conexión coa cidade civil", engadiu. 

Cales foron os seus principais retos como director do Museo Etnolóxico de Ribadavia?
Principalmente, a aposta pola imaxe, que xunto cos obxectos e as palabras son tres elementos cos que se pode construir un relato. De feito, a función dun museo é ser narrador do cambio social e cultural. Por outra banda, o Museo foi ata o 1992 unha sección do Arqueolóxico, ao que se lle prestaba máis atención debido a escaseza de plantilla, problema que aínda non se solucionou na actualidade. No 1986 veu destinada unha persona pero para despegar necesitábase de máis recursos, sobre todo humáns. Sería no 1992 cando a Administración asume a súa segregación e ao ser independente, precisaba dunha plaza de director, á que eu concursei. Sen embargo, tería que ser co conselleiro Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, no 1997, cando se acorda unha ampliación das plantillas de tódolos museos, arquivos e bibliotecas de Galicia. 

Insiste na falta de recursos humáns nos centros de xestión transferida... 
Hai unha falta de visión políticamente crítica da función dos museos como dos arquivos e bibliotecas neste país. Só con recursos humanos se poden levar a cabo estas iniciativas. A provincia ten tropecentos museos etnográficos, que solo teñen de museos o nome, pero sen xente que os atenda con preparación. Cos recortes e as baixas que non se cubren estamos volvendo á situación de penuria do 1970.

Cal é o rol dos museos na sociedade do benestar?
Son unha peza fundamental como os centros de día ou sociais; é dicir, deben producirlle a sectores da poboación un elemento de apoio para o seu desenvolvemento como cidadáns. Nós traballamos con enfermos de Alzheimer, con reclusos do cárcere de Pereiro e con discapacitados físicos da Cruz Vermella. A estas tres líneas de traballo démoslle o nome de "Museo Aberto". Penso que os museos teñen que saír do seu espazo físico e non se poden enquistar nos seus muros. Non deberían ser só para os turistas senón en primeiro lugar para os veciños locais. 

Con que fondos contan?
Facendo memoria, os fondos clásicos rondarán os 5.000 obxectos. Asimesmo, contabilizáronse máis de medio millón de rexistros fotográficos e uns mil documentos de historias de vida, que integran o fondo oral. Para min, a xoia da corona do museo é a biblioteca, con suscripcións a máis de 40 revistas internacionais de museoloxía e antropoloxía e con varios legados importantes. Entre eles, o de Chucho Sánchez Orriols con máis de 8.000 rexistros relacionados coas ciencias sociais; a biblioteca sobre Historia do Cine do catedrático Emilio Carlos García ou o fondo dunha familia local, Os Meruéndano, no que te atopas dende un programa de cine ata folletos da propaganda da República. Un arquivo misceláneo pero moi rico que revela o fructífero que pode ser o coleccionismo familiar para contar a historia dunha comarca

E sin data do Museo do Viño...
Tras unha longa laboura de persuasión, no 1996 o Concello renuncia ao disfrute da casa rectoral de Santo André aínda que non sería ata o 2005 cando o bipartito asume que a iniciativa ten sentido e se encarga o proxecto a Manolo Seoane e Chus Blanco. Nos anos 2006 e 2007 adxudicouse a obra e no 2008 estaba a rehabilitación do edificio xa rematada. Quedaba pendente o plan museográfico, entregado no 2009 co novo goberno de Núñez Feijóo...Estivo paralizado ata o ano pasado no que se habilitou unha pequena partida orzamentaria para facer un apaño que non resolveu tódolos problemas que o edificio ten. Ao mesmo tempo, encargouse a unha empresa de Madrid un novo proxecto porque entendían que o do 2009 era moi costoso. Eu afirmo que era moi rico conceptualmente, no que se lle daba moita importancia ao territorio. 

Durante o mandato de Touriño, no 2008, pasou a desempeñar o posto de secretario xeral da Consellería de Cultura. Como foi aquela etapa?
A conselleira Ánxela Bugallo pediume a miña colaboración. Ao principio non o fixen moi ilusionado xa que son moi reacio a participar en política institucional aínda que dende moi novo sempre tiven compromisos ideolóxicos e políticos. De feito, teño unhas ideas nacionalistas que ninguén descoñece. Tamén me daba mágoa ter que abandoar o museo pero entendo que nesta vida hai que comprometerse políticamente. O que non vexo ben é que a xente se eternice neses postos. A política non debe ser unha carreira senón un compromiso. En definitiva, fago un balance político daquela época.

Como ve o panorama político actual?
Vexo... Que queres que che diga? Ao tempo esperanzador e confuso (rise). Son partidario de que haxa unha opción progresista e nacionalista solvente en Galicia. A cuestión está complicada xa que non hai un espíritu de unidade suficientemente desenvolvido. Ao mesmo tempo, hai uns poderes fácticos, moi poderosos e difíciles de desmontar. Por outra parte, son optimista e algunhas das experiencias que se poden desenvolver a partir do 2017 poden ser clarificadoras e levarnos unha grata sorpresa. 

Cales son as materias pendentes dos políticos?
A sociedade galega ten moitos problemas. O que máis me obsesiona é o tema demográfico, que debería estar na axenda de tódalas organizacións políticas. Tamén o abandono do rural e os incendios. Son os tres aspectos que mentres non se lles poña cara iremos moi mal como pobo. Como cidadán e como persoa que teño ideas políticas, preocúpanme moito estas cuestións. n 

Te puede interesar