Edificios ourensáns

Símbolo de Ourense

Quizá sexa a arquitectura dunha cidade o mellor reflexo da súa historia. Por elo vemos con verdadeira pena que o paso inexorable do tempo borre ou dane os verdadeiros vestixios da nosa historia, coa conseguinte desaparición ou modificación de determinados edificios catalogados como singulares que, noutro tempo, constituíron o verdadeiro enramado urbano da nosa bela e ben querida Auria.

Dun tempo a esta parte asistimos con tristura á desaparición ou eliminación de algúns dos edificios singulares con que contaba a cidade de Ourense, deseñados por arquitectos de singular relevancia como foron Antonio Crespo, Jenaro de la Fuente, Antonio Queralt, Daniel Vázquez Gulías, Manuel Conde Fidalgo, Antonio Alonso... entre outros. Dende mediados do século XIX, Ourense antigo se desbordará en novas edificacións dando paso a unha cidade moderna en plena transformación grazas a inestimable labor de grandes mestres da arquitectura que, co seu traballo, contribuirán ao crecemento urbano do que sería máis tarde a nosa futura urbe. 

A Torre de Ourense, edificio deseñado no ano 1968 polo arquitecto madrileño aveciñado en Ourense Antonio Alés, marqués de Altagracia, contou coa estimable colabora doSDAAS tamén arquitecto ourensán Javier Suances, constituíndo todo un símbolo identificador da cidade das Burgas. A tamén popularmente coñecida como “Torre” ou “Rañaceos de Ourense” ten unha altura de 76 metros, constituíndo aínda na actualidade o edificio máis grande dos existentes en toda Galicia. Dende a súa complicada construción foi a sede do coñecido Hotel San Martín, o máis importante naquela época dos esixentes na cidade de Ourense. A súas instalacións acolleron a visita de singulares persoeiros pertencentes tanto á política como a cultura e as artes. Todos lembramos a visita do por entón Príncipe de Asturias a Ourense, actual rei Felipe VI, no ano 1998, ademais da estancia no hotel de coñecidos cantantes como Julio Iglesias, Masiel, etc., sen esquecer a celebración no recinto hoteleiro, como lugar de xuntanza, de determinados eventos, vodas e congresos. 

Tras un período de baixo rendemento económico o importante aloxamento actualizou as súas desfasadas instalacións someténdose a unha serie de reformas intregais máis en concordancia cas novas tecnoloxías. Por outra banda non debemos esquecer a presenza noutra parte do edificio de determinados estamentos oficiais ou semioficiais como a Delegación de Industria, Oficina de Turismo da Xunta de Galicia, oficinas da antiga Caixa de Aforros, Ateneo, Club de Tenis, ademais de locais comerciais asentdos nos baixos do edificio, sen esquecer tamén a existencia de determinados pisos utilizados tanto para o uso particular como profesional, ademais de sendas cafeterías.

Durante o ano 2016, tras un período económico desfavorable, o hotel entrou en quebra técnica véndose obrigado á súa venda en puxa pública por parte dos seus acredores por un importe de 3,7 millóns de euros, adxudicándose á firma Promociones Tioira S.L., pertencente a un importante empresario de xoiería de Ourense.

Moitos somos os ourensáns que, con enorme cariño, lembrámonos da coñecida cafetería existente no alto do edificio; as súas vistas sobre a totalidade da cidade, sempre acompañados do carrión horario que puntualmente desganaba as horas do día acompañadas dun atractivo son musical. 

Actualmente, o edificio -que acolle ao hotel Barceló Hotel Grup- perdeu o seu símbolo identificador máis coñecido, ao ser retirado o antigo rótulo luminoso situado estratexicamente sobre a cornixa, visible dende grande parte da cidade; e ante este triste feito fágome a seguinte reflexión: cabería a posibilidade de elaborar un novo rediseño do citado letreiro no que se conservase o antigo formato así como o tamaño e tipo de letra que antes tiña? Non sería moi custosa a súa realización, feito que, sen dúbida, permitiría aos ourensán volver recuperar unha peza singular tan simbólica e identificadora para a nosa cidade que todos os ourensáns agradeceríamos.

Te puede interesar