A subdelegación do Goberno implementa o III Plan de Igualdade

Na Administración Xeral do Estado, o 65% dos postos a1 e a2, de maior categoría profesional, están copados por homes

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, avanzou en coincidencia coa próxima celebración do 8-M, Día Internacional da Muller, que a Subdelegación do Goberno mantén o compromiso pola igualdade a través da implementación do III Plan de Igualdade da Administración Xeral do Estado (AXE) neste organismo, recentemente aprobado polo Goberno de España. "Partimos dun acordo moi ambicioso asinado entre a Administración con sindicatos e organizacións profesionais e agora toca o difícil, que é levalo a cabo, e asumimos esta tarefa con determinación e empeño", afirma o subdelegado.

Emilio González adverte que a igualdade efectiva "aínda ten un longo percorrido ata a súa consecución tanto na Administración Xeral do Estado como no resto da sociedade". 

Lembra González que, a nivel nacional, na AXE o 48,6% do persoal son homes e o 51,4% son mulleres. Sen embargo, o 64% delas ocupan postos dos grupos C1 e C2, mentres que nos grupos A1 ou A2 descende esta porcentaxe ata o 35%. Os datos, que proporciona o Ministerio de Política Territorial e Función Pública, "obrígannos a seguir traballando pola promoción laboral da muller na función pública", subliña.

O III Plan de Igualdade da Administración Xeral do Estado está en vigor desde este ano. O seu contido detalla seis eixes de actuación, onde se desenvolven 68 medidas que afectan a todos os departamentos ministeriais. Así, o primeiro dos eixes de actuación presenta medidas instrumentais para promover un cambio estrutural favorable á igualdade entre mulleres e homes, e o segundo céntrase na sensibilización, formación e capacitación, así como o desenvolvemento de ferramentas metodolóxicas para a súa expansión. 

Te puede interesar