A Subdelegación do Goberno en Ourense distribúe 96.000 mascarillas en concellos e entidades

photo_camera Rosendo Fernández e Emilio González, durante a entrega.
Emilio González destacou o "papel fundamental" dos concellos na loita contra o virus

A Subdelegación do Goberno en Ourense distribuíu no día de hoxe 96.000 mascarillas destinadas aos concellos e ás entidades sociais da provincia, na que supón a cuarta entrega deste material promovida polo Goberno de España. O obxectivo desta nova distribución de mascarillas é o apoio ás entidades locais e ás familias máis necesitadas, coincidindo coa inauguración do curso escolar.

Durante a mañá de hoxe o subdelegado do Goberno, Emilio González, mantivo un encontro con representantes de Cáritas, Cruz Vermella e Comité de Entidades de Representantes de Persoas con Discapacidade de Ourense (CERMI), que recibiron un total de 18.000 mascarillas para o seu posterior reparto entre os seus usuarios e asociacións colaboradoras. 

Así mesmo, González supervisou o dispositivo e fixo entrega ao tenente alcalde, Armando Ojea, das 26.500 unidades correspondentes ao Concello de Ourense, posto que a entrega aos concellos de máis de 20.000 habitantes se realiza directamente a través das correspondentes subdelegacións do Goberno.

Igualmente, o subdelegado do Goberno fixo entrega ao vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández, das 51.500 mascarillas enviadas polo Goberno central para distribuír entre os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Este reparto será realizado polo ente provincial segundo o acordo acadado entre o Executivo central e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

González destacou o papel fundamental dos concellos e das entidades sociais na promoción e protección da saúde pública durante a pandemia, informando á cidadanía, facilitando o cumprimento das medidas de prevención e apoiando ás persoas máis vulnerables.

Te puede interesar