área metropolitana

Taboadela aproba as contas de 2018, cun 20% de investimentos

O orzamento da localidad ascende a unha cantidade de 1.100.000 euros

O Concello de Taboadela xa ten aprobado de forma definitiva o seu orzamento para o actual 2018, que ascende a unha cantidade de 1.100.000 euros, dos cales o 20% corresponden a investimentos reais, cun total de 221.000 euros de gasto nese apartado. 

O Concello de Taboadela, que rexe na actualidade o alcalde en funcións, José Manuel Novoa Touza, debido a que o rexedor Manuel Gallego se atopa de baixa por enfermidade, repite a mesma cantidade nas contas para este ano, que no 2017. 

As cifras amosan un gasto de 750 euros por habitante, cun aumento substancial na partida destinada para os gastos de persoal, ao pasar dos 365.000 euros do pasado exercicio aos 427.600 euros do curso actual, ocupando case un 39% do montante total. 

Practicamente invariable permanece o gasto en bens correntes e servizos, que rondará os 400.000 euros, ao igual que no 2017, e descenden, por outra banda, aínda que lixeiramente, os investimentos reais, que caen 8.000 euros ata situarse nun total de 213.000.

No apartado de ingresos, Taboadela perde diñeiro respecto ao ano pasado tanto dos impostos directos –Imposto de Bens Inmobles, Imposto de Matriculación ou Imposto de Actividades Económicas–, con case 35.000 euros menos, e tamén ve mermada a recadación en concepto de taxas municipais, con 6.000 euros menos de previsión para as arcas. 

Sen embargo, Taboadela poderá manter as mesmas cifras grazas ao aumento das transferencias de fondos doutras administracións, que aumentan en ata 80.000 euros, moito máis do que se perde por as vías impositivas. 

En canto ao cadro de persoal aprobado, recóllense tres traballadores como persoal laboral fixo, 17 como persoal laboral temporal, un interventor, dous auxiliares administrativos e un alguacil. Asemade, aprobouse o cobro de 80 euros por ir a pleno, 70 por asistencia ás comisións, e 130 por reunións de obras. 


O PSOE ve "depresión crónica"


Desde a oposición, o portavoz do PSOE, Álvaro Vila,  cualificou as contas como "corta e pega" de anos anteriores, e di que non contemplan "proxectos como tal", ao "non concorrer ás axudas de Xunta e Deputación". Para Vila, o Concello é "inoperante" e está sumido nunha "depresión crónica".

Te puede interesar