Na xornada de hoxe, a Miteu ten programada unha obra sen palabras da man dun grupo húngaro

Teatro e cine para amosar a sociedade de Estados Unidos

Moitos ourensáns decidiron achegarse a gozar do espectáculo de 'DNA Works'. (Foto: XESÚS FARIÑAS)
'DNA Works' foi a primeira compañía profesional procedente de Estados Unidos que visitou a Miteu e fíxoo con Hamapah (O mapa), un espectáculo de danza no que o actor protagonista, Adam McKinney, repasa as orixes da súa familia.
Herdanzas afroamericanas, xudeas e dos indíxenas do novo continente que el mesmo investigou e estudiou durante 14 anos e que ideou tras unha década observando a compañías de danza de todo o mundo. A peza que onte representaron os estadounidenses no Teatro Principal foi dirixida por Daniel Banks, quen indicou que a chegada de Barak Obama á presidencia do seu país, favoreceu que 'as orixes mixtas das persoas sexan vistas coma un todo e non por separado'.

Completou a programación a proxección do documental 'Capitalismo: unha historia de amor', dirixido polo sempre polémico Michael Moore. A cita do Cinebox xurdiu da colaboración entre a Miteu, o festival de cine e o cine clube Padre Feijóo. Nela, os ourensáns puideron ver como o realizador afronta o impacto que o dominio das corporacións ten sobre a vida cotiá da sociedade norteamericana.


O NIVEL DO TEATRO HÚNGARO

Tamén onte se presentou a compañía 'Soltis Lajos Színház', procedente de Hungría. Hoxe participan na Miteu co espectáculo 'Álomevök', traducido como 'Os comedores de soños'. Arredor dunha mazá, os actores afrontan a idea do futuro dende o punto de vista dunha nena. Un dos protagonistas, Benkó Péter Pál, perfilou a difícil situación que atravesa o teatro no país europeo. 'O goberno invirte cada vez menos diñeiro e vaise complicando a burocracia', afirmou. A súa compañía é un exemplo, pois o seu carácter de semiprofesional obrígaos a depender doutros traballos. A relacións públicas da Miteu, Fina Calleja, lamentouse da situación, pois 'o teatro húngaro é un dos máis senlleiros de Europa' e destacou o alto nivel artístico que manteñen.

Te puede interesar