La entrevista del Vida

Teatro de preto nunha casa

DarTrela1
photo_camera Dar Trela.
Dar Trela: dar conversación, dar ánimo, deixar expresar libremente, dar que falar e namorar. Pero Dar Trela tamén é un grupo de teatro formado fai un ano no Carballiño que está a presentar a súa primeira peza: "Cas Rohelia".

Certo día no que, como os propios integrantes do grupo contan, os astros estaban alineados para xuntar a un grupo de xente marabillosa que quería e quere desfrutar do teatro e deles mesmos, naceu Dar Trela. Neste primeiro ano de vida poñen en escea "Cas Rohelia", unha obra de teatro inusual, na que se fusionan diversas formas de expresión (poesía conceptual, títeres, teatro do  absurdo, monólogos, microrelatos e teatro negro) e que se suceden en diferentes espazos dunha casa: na entrada, cociña, corredor, salón e rocho. Ao remate, os actores levan a cabo un coloquio entre los espectadores e os intérpretes. Esta experiencia teatral, insólita e pioneira na provincia de Ourense e Galicia está destinada para un público reducido de tan só 20 persoas. 

O pasado 5 de xuño levastes a cabo a vosa primeira producción teatral cun formato novidoso na provincia e en Galicia. Trátase de “Cas Rohelia". Contennos como comezou a montaxe.

Comezamos coa visita á casa, descubrimos os diferentes espazos e obxectos, buscamos propostas dramáticas axeitadas, creamos os textos, analizamos intencións e esculcamos nas posibilidades interpretativas. Unha montaxe colectiva cargada de ilusión, forza, moitas ganas e traballo arreo.

Porque se animarona crear este tipo de producción?

Pura necesidade vital. Necesitabamos romper barreiras espaciais e dramatúrxicas, queríamos saír dos escenarios convencionais e urxíanos fuir da comedia baseada no costumismo popular de evidente sinxeleza e risa fácil á que lle dedicaramos demasiado tempo. Cumpría explorarnos actoralmente, e nós mesmos nos abraiamos.

Impón máis ter o público tan preto?

Con esta experiencia decatámonos de que o público non impón, esixe. De entrada sentes calor, agarimo, pero logo veste nun exercicio máis intenso porque cada erro é moi fácil de visualizar. Non podemos disimular que sofres, riso ou pensas, tes que meterte de cheo porque o público escoita o teu latexo, a túa respiración, segue a túa mirada... Emocionante!

"Estábamos espectantes antes da estrea, e cando se fixo, axiña nos decatamos de que tiñamos algo valioso entre as mans"

Como xurdiu a idea?

Temos coñecemento de ideas similares en grandes ciudades como Madrid, visitamos a Regadeira da Adela en Santiago de Compostela, no Grove O Quinteiro de Temperán, e na provincia de Ourense non hai nada similar, daquela a Dar Trela pareceulle una grande proposta para un pobo acolledor como O Carballiño.

A peza, “Cas Rohelia", de que versa?

Comeza a función cun entrante de poesía corporal, de seguido uns títeres fan a declaración de principios de Dar Trela, na cociña cea do teatro absurdo, no corredor un monólogo intimista, no salón diferentes microteatros que van do realismo social á crítica vivaz pasando pola ficción novelesca e o respiro emocional. No faiado teatro negro medioambiental e sorpresa final. Logo cando Rohelia remata de ensinar, a casa convida ao espectador/a a un coloquio coas actrices e actores. Unha casa de encanto!

E a acollida, como foi? Que lle di o público?

Estábamos espectantes antes da estrea, e cando se fixo, axiña nos decatamos de que tiñamos algo valioso entre as mans. Foi o público que nolo dixo porque nos obsequiaron con reiterados parabéns por ser un proxecto novo, diferente e con formato orixinal. Un teatro de luces, sombras e cores, cercano, realista con mensaxe temática reflexiva e un alto nivel de interpretación. Un teatro que sorprende, emociona, divirte, entretén e fai pensar, repleto de ingredientes... polo tanto moi moi recomendable!

"Con esta experiencia non podemos disimular, tes que meterte de cheo porque o público escoita o teu latexo, a túa respiración..."

Cales son as principais dificultades que atopan?

Todas e ninguna. Careciamos de medios pero decatámonos de que coa escasez se agudiza o inxenio e ademáis cando os actors e actrices responden case sobra o demáis.

Que é o que máis lle gusta do teatro?

Velo para aprender e facelo para medrar.

Algún proxecto de futuro?

Temos moitas ideas, proxectos, ilusións, desvarías... pero precisamos tempo para sentarnos a falar e poñer orde nos pensamentos. Iso si, moitos directores/as para beber de todos e saciar a sede teatral. 

Te puede interesar