ENTREVISTA

Paula Chaves: "Os temas do meu disco son o narcotráfico e a violencia de xénero"

paulina1
photo_camera Pauliña, que presentará o seu primeiro álbum este sábado no OurenRock.

A cambadesa afincada en Ourense Paula Chaves, "Pauliña", presenta este sábado no OurenRock o seu primeiro álbum, "De-xeneración", unha proposta que aborda a loita feminista dende as vivencias desta moza.

En “De-xeneración" tamén fala da súa xeración? Como a ve?

Máis ou menos. Funciona como un disco sobre as miñas vivencias e sobre como aos da miña xeración se nos deixou atrás, eramos os que non facíamos nada. Pero desde a miña experiencia, intento amosar que iso non é así, que podemos facer moitas cousas. 

Con que se comprometen as súas letras?

"De-xeneración" é un percorrido pola miña vida que ao mesmo tempo ten denuncia social. Falo moito da violencia de xénero e do narcotráfico, dous temas que me tocan de cerca. Trato de explicalo todo dende un xeito poético, é un disco bastante sentimental, con toques de country e de blues con harmónica. É un rexistro novo en galego, non escoitei nada parecido. O country márcao todo.

Aposta polas letras en galego.

Si, pero con novidade de estilo, que é o country, o que mamei dende pequena.

Cre que era un oco a encher?

Penso que si. Hai grandes artistas, encántame a música en galego, pero eu anotei outro rexistro.

A violencia de xénero e o narcotráfico son os temas do disco?

O disco fala moito acerca da muller e da violencia de xénero, da soidade que pode sentir ou de como hai que afrontalo. Tamén da denuncia social, de cando alguen se queda sin traballo, de como custa empezar aos novos... Do narcotráfico hai un par de temas pero é algo máis poético.

Como aborda a loita feminista?

Véxoo como que cada vez estamos as mulleres máis unidas. Nun dos videoclips sae toda a manifestación do 8-M en Ourense, que eu quedome coas mulleres ourensás, porque se reuniron todas e foi marabilloso. Vexo a loita feminista como unha revolución, estamos dando grandes paso e temos que darnos voz e ocupar eses ocos que antes ocupaban homes.  

Na música existe esa revolución feminina?

Si, eu creo que xa estabamos con esa reivindicación antes, pero agora estamos collendo moita voz, que iso é o importante. Cando eu empecei aos 16 anos, xa escoitaba moitas voces femininas en galego. Temos ocos nos festivais en tódolos lados.

Os festivais son a mellor plataforma?

Presento o disco no OurenRock porque foi o primeiro festival que se ofreceu sen saber que traballo se ía sacar, dándome a oportunidade. Calquera estaría encantado. Tamén irei o 2 de agosto ao Albariño de Cambados, que para min é moi importante ao ser a miña terra.

Nerviosa pola presentación no OurenRock?

Un pouco, será a primeira vez que suba con banda ao escenario.

Te puede interesar