ENTREVISTA

"Se teñen outra opción mellor, aceptáremolo e pasaremos á oposición"

asad
photo_camera Xaime Iglesias, alcalde de Baños de Molgas.

"É evidente que isto está causando balbordo, mais nós estamos tranquilos e centrados no noso traballo", afirma o alcalde de Baños de Molgas, Xaime Iglesias, trala ruptura do pacto de goberno por parte do grupo socialista. 

Como está xestionando a ruptura do grupo de goberno?

Como o grupo de goberno estaba formado únicamente polo BNG e o grupo socialista non formaba parte, a situación non cambia moito con respecto á semana anterior.  Nunca houbo un bipartito. A única diferenza é que o PSOE renunciou á Participación Cidadá.

Pero é certo que houbo un pacto tralas eleccións para que vostede puidera acceder á alcaldía. Considera que foi incumprido por parte do grupo socialista?

Ao final foi incumprido por ambas partes. De feito leva roto moitos meses. Entendo que os socialistas saquen agora a nota de prensa pero o pacto levaba tempo roto. A relación agora cos dous concelleiros do PSOE é distante e o contacto limítase exclusivamente aos plenos.

Como valora a xestión da área de Participación Cidadá que delegastes nun dos concelleiros do grupo socialista?

O principal problema comezou coa aprobación da ordenanza desta área a proposta deles. O texto que se nos presentou foi unha copia exacta da ordenanza do Concello de Barbadás cambiando só o nome. Logo de que lles dixeramos que iso non era moi lóxico tendo en conta as diferenzas entre os dous municipios, limitáronse a eliminar un dos capítulos. Mais ficou feita dunha forma pouco efectiva e difícil de levar a cabo. Eles mesmos tiveron problemas con ela. A participación é un traballo arduo e complexo que non fixeron.

O Partido Socialista acúsao de “falta de incapacidade” á hora de xestionar o municipio. 
Hai que mirar o que ten saído na prensa sobre Baños de Molgas nos últimos meses, así como a web coas actividades e obras que se están a facer e comprobar que iso non é así. Que estamos satisfeitos? Seriamos egocéntricos se pensáramos que todo está en orde, pero intentamos con todos os medios e cun orzamento limitado dar a coñecer o noso concello.

Como foi o proceso de negociación posterior ás eleccións e porque non se chegou á constitución dun bipartito estable?

O noso punto de partida era asumir nós a alcaldía e eles a tenencia de alcaldía e, a partir de aí, negociar áreas. Propuxéronnos asumir eles un ano e medio da alcaldía e nós dous e medio. A partir dese momento, as negociación estancáronse. Nnós pensabamos que repartir a alcaldía era unha forma de competición entre ambos grupos que lle ía dar o goberno ao PP nas seguintes eleccións. Ademais, o lóxico é que quen máis votos teña dispoña do bastón de mando. Na investidura, o propio portavoz socialista se chegou a postular como candidato malia votarme a min posteriormente. A nosa vontade sempre foi que puideramos sacar cousas ambos grupos. Mais dado que eles aprobaron moitas das súas propostas co PP mentres botaban as nosas abaixo, a relación foise arrefriando. O realmente importante non está saíndo adiante porque lles está sendo moito máis sinxelo negociar co PP que con nós.

Tendo en conta a vontade dos socialistas de establecer diálogo co PP, temen unha posible moción de censura?

Coido que temor non é a palabra axeitada. Levamos trece meses gobernando en minoría con 6 concelleiros enfronte e entendemos o difícil que esta labor resulta. No seu momento o PSOE votou a favor da miña investidura. Mais se agora consideran que non estamos á altura das súas expectativas ou que a xestión que estamos realizando é tan catastrófica, e teñen outra opción mellor para Baños de Molgas gobernando co PP, nós seremos democráticos, aceptarémolo e pasaremos á oposición.

Te puede interesar