Terras do Avia pide á Xunta que remate o Museo Galego do Viño

O pleno da Mancomunidade Terras do Avia, que aglutina ós concellos de Ribadavia, Carballiño, Leiro e Boborás, acordou por unanimidade instar á Consellería de Cultura a que realice as xestións oportunas para a apertura do Museo Galego do Viño na Rectoral de Santo André de Camporredondo, mediante a licitación da montaxe dos elementos museográficos e a dotación de persoal. A proposta foi defendida polo portavoz do BNG, Anxo Collarte, e obtivo o apoio unánime dos representantes do PP e PSdeG participantes na sesión.
En 2005, a Xunta licitou as obras de recuperación do edificio para a súa conversión na sede do Museo do Viño de Galicia, cun investimento de 1.093.140 euros. Rematada esta actuación, a finais do ano 2008 licitábase o proxecto museográfico, cun importe de 160.000 euros e catro meses de execución, sendo entregado o mesmo na Consellería de Cultura o 17 de agosto de 2009. Agora falta a montaxe do seu contido para o que a Xunta non reservou este ano ningunha partida.

Te puede interesar