arte et alia

A testemuña de Díaz Ferrer do parisino maio do 68

A resposta da policia contra os universitarios que protestaban.
photo_camera A resposta da policia contra os universitarios que protestaban.

Díaz Ferrer da conta nos debuxos a tinta e as pinturas en acrílico sobre madeira do enfrontamento dos estudantes e xentes de París

Naceu no Barco de Valdeorras, Jesús Díaz Ferrer, o fillo do perruqueiro da rúa Escura, o 22 de maio en 1922, medrando nesta vila marcada polo fluír do Sil, a barca, e a proximidade a Ponferrada, ata que co remate da guerra vaise para Madrid. E aínda que regresará de cando en vez os camiños da vida afastarano destas terras de Ourense. A exposición que chega ao primeiro sobreclaustro do Liceo recupera a súa memoria e presenza. Organizada polos Amigos da República, é a derradeira da xira que comezou en Vilamartín de Valdeorras, e foi vista na sala da Universidade de Santiago de Compostela, na igrexa da Compañía, e tamén en Muros, A Coruña, Monforte, e na Fundación Risco de Allariz. É o seu curador o artista e historiador barquense Luís Enrique Rodríguez Arias, “Coquixo”, impulsor principal da reintegración do artista na memoria colectiva local. Coñeceuno nos seus derradeiros anos e dende as facilidades da viúva del pintor, Micheline Langlois, fíxose esta itinerancia co apoio do concello do Barco co gallo dos cincuenta anos da revolución de París en maio 1968. 

Como sinala o comisario foi unha constante a súa preocupación social na pintura, avivada dende 1939 en Madrid. Aquí estuda, e terá unha pensión da Deputación de Ourense. Regresa a Galicia, expoñendo no Liceo en febreiro de 1945 con vinte e dous anos; escribindo Vicente Risco un solto gabancioso dela en La Región no que sinala que era discípulo de Eduardo Chicharro, o gran pintor madrileño. Retratos, paisaxes e bodegóns, unha pintura alegre e animosa como autor, escribía o polígrafo de Castro Caldelas, quen engadía, ‘es un pintor moderno pero normal’ (sic). Pois D. Vicente decatouse que non estaba no Postismo, un divertimento efémero estético e cultural das elites dos primeiros anos corenta que pretendía superar o surrealismo naquela dura postguerra da segunda guerra mundial. En 1953 trasladarase a París, tendo estadías en Zurich (Suíza), ou en Göteborg (Suecia). Coa súa parella instalarase finalmente a comezos dos oitenta en Concud, nas inmediacións de Teruel, onde morreu en 2017.

Díaz Ferrer da conta nos debuxos a tinta e as pinturas en acrílico sobre madeira do enfrontamento dos estudantes e xentes de París, coa folga xeral, contra os policías, revolta de estudantes inicialmente na Universidade de Nanterre, nas aforas de París, que se traslada á Sorbona e o Barrio Latino, logo do peche daquela. As grandes manifestacións, co xeneral De Gaulle presidente, sendo o primeiro ministro Pompidou, quen acabará caendo. Así no icónico cadro diante da Sorbona. Aqueles lemas xurdidos daquela, "La belleza está en la calle", "Prohibido prohibir" aínda teñen hoxe brasas. O máis popular foi "Bajo el pavés está la playa", xa que logo as pedras do pavimento foron a arma principal dos protestantes, manifestacións nas que o feminismo tivo a súa primeira pancada nas costas. No inventario que facía Coquixo da obra de Díaz Ferrer quixo a Fortuna que se decatase dos cadros, poñéndoos en relación co Álbum de debuxos, o que deu orixe á exposición. Graciñas.

Te puede interesar