Videoxogos

"The Waylanders", a fantasía xa se xoga en galego

Unha versión en desenvolvemento de "The Waylanders" xa pode xogarse en PC.
photo_camera Unha versión en desenvolvemento de "The Waylanders" xa pode xogarse en PC.
Un equipo liderado polo ourensán Ramón Méndez traduce o ambicioso RPG "The Waylanders", un videoxogo de aventuras ambientado na mitoloxía de Galicia, entre a era dos celtas e a época medieval.

"The Waylanders" é a reivindicación da mitoloxía galega nos videoxogos. O estudo coruñés Gato Salvaje demostra que os mouros e os druídas celtas son protagonistas tan dignos como os viquingos do último "Assassin’s Creed" ou o panteón grego visto en "Hades" ou "God of War". Desde hai uns meses, os xogadores exploran esta Galicia de fantasía nunha versión en desenvolvemento -a estrea está prevista para primavera-. Desde hai uns dias, ademais, poden facelo en galego, grazas ao traballo de tradución dun equipo liderado polo ourensán Ramón Méndez.

"A intención sempre foi respectar a mitoloxía", explica Méndez, que estivo acompañado no traballo por Alba Calvo, Fernando Moreiras, Mar Bargiela e Mariña Vieira. O equipo encargouse tamén das dúas versións en español -en castelán e latino-, e encargou as traducións ao francés, alemán, chinés e ruso a outros profesionais. "Nos xa coñeciamos as lendas -a vantaxe de traballar na casa!-, pero si tivemos que compartir a nosa cultura cos outros equipos", lembra divertido o ourensán, profesor na UVigo e con máis de 700 videoxogos traducidos ás súas costas.

"The Waylanders", que bebe de títulos como "Dragon Age" ou "Baldur’s Gate", viu a luz en inglés. "Os compañeiros de Gato Salvaje tiveron a sorte de contar con guionistas internacionais, e alégrame moito ver que profesionais deste nivel veñan a Galicia a escribir un xogo sobre mitoloxía galega", destaca Méndez. O título é o máis ambicioso feito na comunidade, con máis de 40 traballadores, e -engade o ourensán- pode ser unha "pedra de toque" que marque o rumbo do sector en Galicia. 

Xogos en galego

Para Méndez, é unha magoa que non se traduzan tantos videoxogos ao galego como ao catalán, por exemplo. "Dáme envexa ver como o catalán si está incluído nas tendas de xogos móbiles, como na Play  Store ou a  Apple  Store, pero o galego non", lamenta, e destaca que o número de xogos que poden atoparse nesta lingua aínda é baixo.

O tradutor lembra tamén que plataformas como Steam non recoñecen a lingua, e considera que son "oportunidades desaproveitadas". "Na universidade vexo interese da mocidade en ter obras en galego -insiste-, e  non entendo por que non se ofrecen máis".

Te puede interesar