ENTREVISTA

Toño López: “Non podo explicar a miña ilusión de rodar na terra"

ma_200814_131_resultado
photo_camera Toño López
O ourensán dirixe a película "Cuñados"

Cuñados" é a primeira película do ourensán Toño López. Non é novo na industria: dirixiu series de éxito internacional como "Miracle Tunes" ou "Auga Seca". 

Tiña claro que ía ser unha comedia?

Si. O proxecto xa estaba encamiñado, a comedia é unha cousa que me atraía.

O da retranca galega empézase a “pillar" fóra de Galicia?

Penso que si, que a retranca galega non se entende de todo fóra pero é atractiva. Se lle collen a metade ou un 20%, xa é interesante. Aínda que perdan algo.

Que é Ourense para vostede? Cales son os seus recordos?

Eu nacín aquí, pasei a miña xuventude e estudei aquí. Os meus mellores amigos seguen aquí, aínda que teña máis polo mundo adiante. A miña tropa é de Ourense. Non podo explicar a ilusión que me fai vir á miña terra, a Ourense, a rodar esta película. 

Parece que nos últimos anos Ourense e Galicia están en primeira liña audivisual.

Dende hai moito tempo, non sei por que exactamente. Sería longo de explicar. En Galicia sempre houbo máis series que noutras rexións de España. A xente que empeza a traballar aquí despois ten éxito no resto do país. Hai moitos directores e profesionais en Madrid ou Barcelona que son galegos e son famosos por ser galegos. Agora a televisión tradicional está nun momento de cambio e as plataformas audivisuais collen forza. Por algún motivo, os galegos están en primeira liña tamén nestas plataformas.

O reparto é un plus na cinta?

O proxecto é dobremente interesante polos actores que están aí. O guión é moi bo e iso é fundamental, pero despois ter actores de primeiro nivel coma toda esta tropa que temos na película é unha garantía de que vai ser fantástico.

Co covid é máis necesaria a comedia?

Si. Necesitamos rirnos. Son circunstancias difíciles e está sendo duro. Fai falla rir e a xente nas súas casas tira de comedia para desfogar un pouco e relaxarse. Esperemos que esta comedia novase faga cando o do covid remate e a xente saia a rúa e a desfrute sen máis. 

Te puede interesar