RECOÑECEMENTO

O Trasalba premia o "esforzo" centenario de Coral De Ruada

<p></p>
photo_camera Juan Luis Saco, Samuel Lago, Miguel Santalices, Víctor Freixanes e Carlos Baliñas, onte en Trasalba.

A Fundación Otero Pedrayo entrega o galardón a un colectivo sempre vinculado ao intelectual

A centenaria Coral De Ruada recibiu onte o XXXVI Premio Trasalba, que outorga a Fundación Otero Pedrayo, nun acto literario e musical celebrado na Casa Grande de Cimadevila, onde creceu o intelectual ourensán, sede da institución.

A agrupación vocal, nacida en 1919, converteuse así no segundo colectivo, logo de Milladoiro, en ser galardoado co Trasalba. O xurado cualificouna como "exemplo de esforzo eficaz, xeneroso e desinteresado, mantido ao longo dun século, por centos de homes e mulleres que a integraron", impulsando a música, canto e baile tradicionais, como destacou Miguel Anxo Seixas na laudatio que fixo da Coral.

O presidente da Fundación Otero Pedrayo, Juan Luis Saco, sinalou os principios inspiradores da agrupación, "os mesmos que os das Irmandades da Fala ou a Xeración Nós", e valorou na entrega do premio "o entusiasmo, dedicación, sabedoría e arte, en 100 anos de historia, e en circunstancias sociais e políticas moi diferentes, ás veces difíciles e mesmo non comprendidas, desprezadas e ata perseguidas".


"Herdeiros" da xeración Nós


Presentouse no acto o libro-CD "A Coral de Ruada" e entregouse formalmente o galardón, que recolleu o director da formación, Samuel Lago. Este, moi agradecido, co "corazón sincero" á Fundación Otero Pedrayo, fixo unha relación dos nexos entre a Coral, Trasalba e o intelectual ourensán. "Sempre estaremos vinculados a el, en vida e morte, sempre estivemos ao seu lado", apuntou Lago, quen lembrou a primeira misa en galego no Santo Cristo, cantada pola Coral, en presenza do intelectual de Trasalba. Como ourensáns, mostráronse "orgullosos herdeiros" da Xeración Nós , con quen comparten "ideas, paisaxes e sentimentos".

E non quixeron esquecer aos outros directores, como Daniel González, Isolino Canal ou Manuel de Dios, entre outros, "porque o premio é a toda a traxectoria".

Para rematar a parte literaria do acto, leron unhas palabras de Ramón Otero Pedrayo, mentres que a parte musical non se quixo esquecer de don Ramón. Deste xeito, tocaron "A pandeirada de Trasalba", pero tamén "Negra Sombra", para rematar co Himno Galego.

No evento estiveron, entre outros, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, e o presidente do Parlamento, Miguel Santalices. 


Un acto novidoso moi centrado na historia da coral


O acto tivo novidades, como o cambio de día ou de horario. Pero, ademais, non se presentou ningún texto reeditado ou recuperado de Otero Pedrayo, para centrar a atención na coral, "como el querería", sinalou Saco. Si se presentou  o libro "Crónicas dun vivir xornaleiro", de Afonso Vázquez-Monxardín, ao numeroso público. 

Te puede interesar