NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Os concellos promoverán o uso do galego nos cemiterios

cementerios
photo_camera Imagen de la reunión, con el conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, en el centro. (EFE)

Varios camposantos instalarán en Fieis Defuntos placas en recordo dos galegofalantes falecidos

Varios concellos ourensáns traballarán para que as lápidas dos seus galegofalantes falecidos estean escritas na súa lingua. Esta iniciativa, que xorde da Asociación de Funcionarios para la Normalización Lingüística, fíxose onte realidade no acto de conmemoración do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, celebrado no Centro Cultural "Marcos Valcárcel".

Nunha cita de marcado carácter simbólico, o colectivo organizador da cerimonia reivindicou o esforzo que os cidadáns anónimos fixeron por preservar o emprego da lingua galega, e manifestou o seu descontento porque a meirande parte das inscricións das lápidas dos cemiterios galegos aparezan en castelán, cando a persoa falecida falou sempre en galego. "A lápida ten que ser a memoria do defunto", sinalou o secretario da asociación, Xosé González, que lembrou que o emprego en lingua galega non ten que darse nas tumbas de persoeiros de relevancia.

Así, a primeira acción acordada polos máis de 30 rexedores asistentes ao acto foi a instalación dunha placa conmemorativa nos camposantos o vindeiro 1 de novembro, festividade dos Fieis Defuntos. Nel, poderase ler a inscrición "Na memoria de todos os que xacen aquí, porque grazas a eles, Galicia continúa a ter cultura e lingua de seu". Tal como explicou Xosé González, esta placa xa está ubicada nalgúns camposantos, como o do Concello lugués de Paradela, onde "se notou un aumento dos epitafios en galego despois da súa colocación". A día de hoxe, relatou, "só unha de cada mil lápidas e o 2% das notas necrolóxicas están escritas en galego".

Os alcaldes participantes asinaron un acordo a través do que porán en marcha "unha pedagoxía social que traslade a importancia da defensa dos nosos valores patrimoniais". Ademais da colocación da placa conmemorativa, os rexedores comprométense a invitar aos cidadáns a cambiar a lunguaxe dos seus epitafios.

O presidente da asociación, Xaquín Monteagudo, sinalou que estas accións son "unha honra aos nosos devanceiros, que foron portadores da lingua nas súas correspondentes xeracións". O conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, amosou o seu agradecemento "a todas aquelas persoas que deixan en herdanza a lingua galega para que esta enriqueza a todos os seus fillos e netos".

Te puede interesar