O TSXG desestima unha reclamación de responsabilidade patrimonial contra o Concello

Unha empresa reclamaba ao Concello máis de 3,4 millóns de euros

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de desestimar unha reclamación de responsabilidade patrimonial pola nulidade do Plan de Urbanismo de 2003, en relación coa área de reparto AR-17-e Diego Sarmiento Acuña 2. "A empresa reclamaba que se lle abonasen máis de 3,4 millóns de euros, dos que 755.000 eran en concepto de gastos sufridos polo desenvolvemento urbanístico da área de reparto e outros 2,6 millóns de euros por custes financeiros non recuperables", explicaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, tras a xunta de goberno local.

A reclamación da indemnización incluía tamén a perda da facultade de participar na urbanización e perda de edificabilidade de terreos da súa propiedade, pero o TSXG desestimou a pretensión. A sentenza di que a mera aprobación do planeamento non é suficiente para patrimonializar as expectativas urbanísticas nacidas do mesmo e que para ser así sería estritamente necesario que a empresa tivera levado a cabo o desenvolvemento completo nos prazos establecidos, feito que non se produciu. “Unha sentenza, en definitiva, moi favorable para este Concello”, en palabras do rexedor. Este foi só un dos 31 asuntos achegados por diferentes concellerías e servizos municipais na xunta de goberno celebrada este xoves.

Te puede interesar