entrevista

“As tumbas de San Vítor son o máis emocionante da Ribeira Sacra"

Emilio Araúxo, poeta.
photo_camera Emilio Araúxo, poeta.

A obra de Emilio Araúxo "Libro de Ribeira Sacra", publicado por primera vez no 1996, investiga as formas de pensar e vivir desta rexión.

Emilio Araúxo (Coles, 1946) é un poeta da Ribeira Sacra. É o seu cosmos, que descobre dende a súa aldea de Sacardebois, en Parada de Sil. A Biblioteca de Mesopotamia, un selo que nace–entre outras cousas–para impulsar a candidatura deste enclave ourensán a Patrimonio Mundial da Unesco, acaba de reeditar un libro que se considera "referente" sobre a Ribeira Sacra. Araúxo, filósofo e escritor, prefire chamarlle "unha obriña pola que xa pasaron moitas neves e invernos". O seu "Libro de Ribeira Sacra", publicado por primera vez no 1996, investiga as formas de pensar e vivir desta rexión. O autor identifica dúas problemáticas: a herdanza e a cultura popular. Un libro das "voces vivas" da Ribeira Sacra, unha paisaxe literaria.

Están espertando esas tradicións orais da Ribeira Sacra ou aínda as descoñecemos?

Como acontece en gran parte de Galicia, estase a producir un proceso de degradación, de despoboamento do rural que clama ao ceo e produce un fondísimo desánimo. Ao non haber xente hai máis motivo para sentir esa urxencia de escoitar as últimas voces da xente viva. É un deber de urxencia para esa riqueza da oralidade e todo o que hai nela de memoria e de promesa.

Urxencia. Quedan poucas voces vivas na Ribeira Sacra?

Coma en toda Galicia. As xeracións dos vellos van desaparecendo e cada vez quedan menos testemuñas, pero aínda quedan. Co paso dos anos, con cada morto ten lugar unha fin do mundo, como di o filosofo Jacques Derrida. E ten que haber un acompañamento relacionado co traballo manual. 

Que pensa que lle traerá a candidatura a Patrimonio Mundial á zona?

É unha especie de escudo protector. Cando está bendecida por ese selo europeísta, a Ribeira Sacra acada un nivel que pode evitar certos excesos e abusos. Pode ter efectos de amparo que son benvidos. 

A Ribeira Sacra ten unha identidade común?

Hai diferentes posicionamentos. Eu na miña práctica da poesía tendo a observar esas lindes identitarias, pero non teñen un alcance de exclusión. Enténdoas como a "lóxica dos limiares". Cantos máis limiares existan, máis rica será a acollida, o paso da xente.

Cal e o encanto maior da Ribeira Sacra?

Para min, e en calquera sitio do mundo, confiar na bondade dos descoñecidos. Algo máis específico, o elemento do Sil. Ten connotacións múltiples que van de Heráclito a García Lorca. 

E o misterio?

O máis emocionante da Ribeira Sacra son as tumbas do San Vitor, tumbas escavadas nos Penedos, en Barxacova. Hai un efecto de melancolía profunda. Tamén hai fontes milagrosas. 

Te puede interesar