TRIBUNA

Un neno de aldea modelo

A aldea modelo suporá a obtención dun rendemento económico tanto para as persoas propietarias dos terreos como para os interesados na súa posta en produción

Recuperación, prevención e calidade. Estes son os tres eixos de traballo fundamentais da Xunta para o rural galego do futuro. Son ideas-forza que se incardinan no territorio e, na Galicia rural, a célula básica do territorio é a aldea. Por iso puxemos en marcha a iniciativa das aldeas modelo. Para cimentar nestes núcleos de poboación a nosa aposta por un rural vivo, dinámico e sustentable, tanto dende o punto de vista económico como social e ambiental.

En definitiva, queremos cambiar o tradicional “eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén” por algo así como “eu son Balbino. Un rapaz da aldea MODELO. Coma quen di, alguén”. 

Alguén orgulloso de ser de onde é e que desexa vivir no e do rural. Alguén que non renuncia a ser “moi de aldea”, “moi de monte”, “moi do rural”, pero dun mundo con futuro. Con porvir no económico, no social e no ambiental. 

Trátase de poñer en valor o que temos e as excelentes producións do noso agro (calidade) para darlle nova vida e frear o abandono nestes núcleos (recuperación), ao tempo que se reforza a súa defensa fronte os incendios (prevención).

Como o estamos a facer?

En primeiro lugar, contando cos verdadeiros protagonistas, os veciños. Deles, en estreito contacto cos concellos, ten que partir a iniciativa, porque son os que aportan os terreos. Por iso é preciso que o municipio en cuestión xustifique que dispón do acordo dos titulares dun mínimo do 70% da superficie do perímetro do proxecto. É imprescindible, ademais, que se inclúa cando menos unha porcentaxe idéntica dos terreos que se definan como franxas secundarias de xestión da biomasa. 

Estamos falando, pois, de revitalizar as contornas habitadas. E non de calquera contorna. Teñen que ser terras susceptibles de poñerse en produción. Terras con boa capacidade produtiva que, co paso do tempo, chegaron a acadar estados de abandono ou infrautilización.

A partires de aí, o que fai a Xunta é limpar e recuperar esa faixa dos 50 metros arredor das vivendas, pero non unicamente eses terreos, senón que o resto da superficie obxecto da actuación tamén se prepara para poñela en produción. Deste xeito, coa contribución das persoas e/ou empresas interesadas no seu aproveitamento, créase actividade agrogandeira mediante cultivos de horta, cereal, pastos, froiteiras, castiñeiros ou oliveiras, así como a través do pastoreo de diferentes especies, entre elas algunhas autóctonas de gran proxección, como pode ser o porco celta. O abandono convértese así nunha vantaxe competitiva, xa que nos permite deseñar de novo as actividades produtivas a desenvolver e orientalas cara a sustentabilidade medioambiental e á Galicia verde, con recuperación ligada a cultivos ecolóxicos.

Todos os terreos recuperados serán incorporados ao Banco de Terras de Galicia, de maneira que as persoas titulares reciban unha compensación económica anual. Isto é, a aldea modelo suporá a obtención dun rendemento económico directo ou indirecto tanto para as persoas propietarias dos terreos –que conservarán sempre a titularidade das parcelas ao tempo que reciben un pago por arrendamento– como para os interesados na súa posta en produción, que disporán das terras para traballalas.

A finalidade é fixar poboación, reactivar a economía rural e mellorar a calidade de vida dos residentes. Ao tempo, xérase unha barreira natural e viva fronte o lume, unha cinta protectora cun carácter dinámico, de forma que esa barreira se vai manter limpa en base á actividade que se desenvolva nela, sen que sexa preciso rozar todos os anos.

É unha aposta a medio e longo prazo. Por iso quixemos tamén darlle carta de natureza legal mediante a súa inclusión na Lei de acompañamento dos orzamentos e farémolo tamén na futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que en breve iniciará o trámite parlamentario.

Entre outras novidades, mediante esta inclusión establécese que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) fomentará acordos con operadores económicos para promover a viabilidade económica do proxecto, de forma que se facilite unha saída para as producións procedentes dos terreos recuperados. Isto é, a Xunta procurará a adopción de acordos por parte de ditos operadores para que adquiran esas producións das aldeas modelo de Galicia.

Ademais, Agader impulsará a creación dunha Rede de Aldeas Modelo de Galicia, que terá como obxectivos a posta en común de experiencias e información, a coordinación de producións e a xeración de sinerxías entre as diferentes aldeas, a promoción e posta en valor dos produtos procedentes destas aldeas e a consecución de estándares de excelencia.

Así, con todo este traballo en común, partimos da aldea como embrión do territorio na procura desa Galicia “célula de universalidade” que defendían os nosos devanceiros e que queremos para o porvir. 

Facémolo, ademais, partindo do que nos legou o pasado (a terra e o seu potencial) para aproveitalo do xeito que mellor sabemos facer e convertelo nun valor de futuro. 

É tamén, dalgún xeito, unha especie de economía circular, no tempo e no espazo. 

Porque a terra nin se crea nin se destrúe, pero pódese transformar e mudar en riqueza, en actividade económica rendible, nun modelo de futuro para o noso rural.

Esta iniciativa das aldeas modelo é moi ilusionante para min polas reaccións que teño dos veciños cando a vou explicar, como foi o caso de onte no concello de Toén.

Neste sentido, quero rematar cunha frase que me dixo Custodia, unha veciña da aldea de Infesta, no concello de Monterrei, cando fun explicar alí este proxecto... a frase define á perfección o que queremos conseguir coas aldeas e non precisa máis aclaración: “neniño, eu se vexo limpos aqueles socalcos de alí arriba, xa podo morrer tranquila”. Pretendemos que Custodia sexa como unha “nena” de aldea, pero de aldea MODELO. Porque nos nenos está o futuro desta “miña terra galega”.

Te puede interesar