ARTE ET ALIA

Unha antolóxica e unha colectiva

photo_camera Na Antolóxica de Tomás Vega Pato.

As fotografías de Pato, Tomás Vega Pato (Manzaneda, 1938), son unha declaración de amor pola súa terra de montaña do interior ourensá e a testemuña dun afán de perfeccionismo técnico

As fotografías de Pato, Tomás Vega Pato (Manzaneda, 1938), son unha declaración de amor pola súa terra de montaña do interior ourensá e a testemuña dun afán de perfeccionismo técnico. E todo elo posto ao servizo dunha dimensión estética, coas cámaras Leica, que prefire por unas resultados «para comelos», en branco e negro, cunha paleta de grises que a luz nutre no seu negativo. Así o conta nunha explícita conversa con Xosé Lois Vázquez no coidado catálogo desta exposición curada por Marta Vega Avelaira, quen destaca do seu pai o amor pola natureza, polo cotián, e polo rural. Tomás recoñece o maxisterio de Fernando del Río na técnica, ao que Xosé Lois asinte para engadir que é un erudito tanto na fotografía química como a dixital. Outro dos seus pés e o da Etnografía, da man de Xaquín Lorenzo, un grande da nosa terra, co que descubriu o valor deste patrimonio cultural. Aquela tripla escolla mencionada é como o fío de Ariadna do seu labirinto de intereses: as investigacións de fotografía creativa, as de historia e as de etnografía. Coa súa firma viron a luz traballos como Tierras de Trives y Manzaneda; Labras heráldicas en Terra de Trives, e Arquitectura popular ourensá. E na fotografía Xaquín Lorenzo, o fotógrafo, A Pobra de Trives 1875-1975, e a vida cotiá no mosteiro de Oseira. Participou en once edicións do Outono Fotográfico, e ten acadado o premio Cidade Ourense co contraluz de dúas velliñas no adro sur da catedral, foto tomada dende o interior dela, canónica dende entón. O macizo central ourensán, e os retratos das xentes que coñece e ama, marabillan. A escolla de Negra sombra, Estante e Safari fotográfico, con retratos seus e da súa muller, son un bo resumo vital.


Foto Síntese no Espazo Xove


Está a expoñer a Agrupación Fotográfica Ourensá na antiga Casa da Xuventude de Ourense. Con X. Luís Álvarez á fronte, presenta unha mostra baixo o lema inspirador 'Luces e sombras'. Alí están María Barazal, Kike Barreiro, Luz Nocelo, Luís Córdoba, Belén Pinto, Bel Santos, Mercedes Suárez, 'Pepetón', Roberto Salgado, Carmen Varela, J. Manuel Vázquez, Isabel Sánchez, Victor Urquizu, Ana Valado, Jorge Villar, e Mercedes Bosquet. Hai fotos de viaxes internacionais a Petra ou á cidade imperial chinesa de Hue, de Jaime Dopereiro, de aventuras preto de nós, como o solpor en familia de Juan Ocón na 'Caracola' de Donón, en Cangas; ou o contraluz a carón dun río de J. Carlos Estévez; e das fotos de Kique Castro, a da nena que pisa o reflector nun parque é realmente acaída. Co grupo está Fen Mugüerza, escultora ceramista con traxectoria dende a Mostra Internacional Gas Natural Fenosa en 2012 e, entre nós, as exposicións en Barbadás e no Liceo de Ourense. As súas fotos, co debuxo da luz no enlousado mollado, son unha elexía ao efémero e unha oda á percepción, tentando dar resposta á gran pregunta de por qué uns ven e outros miran e non ven... A artista achégase á valorización do instante dende o poder da xeometría, algo que a engaiola dende nena. 

Te puede interesar